Condenan a un exconcelleiro de Santiago a pagar 11.500 euros por falsificación documental

O outrora concelleiro do Concello de Santiago Juan de la Fuente (PP) foi condenado polo xulgado de instrución número dous de Compostela como autor "plenamente responsable dun delito de falsidade" de documentación alusivo a subvencións incorrectas outorgadas a entidades veciñais.

Juan de la Fuente abandonou a corporación compostelá en xuño do 2014, cando xunto a seis dos seus compañeiros do PP local foi condenado a 9 anos de inhabilitación por prevaricación.

Nun principio a sentenza por falsificación documental condenaba ao exconcelleiro a 16 meses de prisión e seis meses de multa, pero a conformidade entre a defensa, o Ministerio Fiscal e o letrado da acusación particular, exercida pola CIG, permitiu que a imposición dos 16 meses de cárcere fose substituída por 32 meses de multa.

Finalmente a sentenza por conformidade condena a De la Fuente a un total de 38 meses de multa, a razón de 10 euros por día, o que suma un total de "uns 11.500 euros".

Así o explicou o responsable da sección sindical da CIG no Concello de Santiago, Xavier Picón, quen celebrou esta sentenza que acredita "onde estaba verdadeiramente o delincuente", xa que ademais o condenado "en ningún momento chegou a admitir os feitos" que se lle imputaban.

Así as cousas, Picón criticou a postura do Goberno local que non se presentou en ningún momento como parte prexudicada a pesar de ser "as evidencias tan grandes". Deste xeito axuizou a forma "moi peculiar de entender o interese xeral" por parte do goberno municipal.

Ademais, o responsable da CIG demandou tamén que o propio Concello xestione "a devolución" do diñeiro adxudicado mediante a documentación falsificada que ascende a 2.900 euros.

Picón tamén se referiu á posición da persoa que denunciou a falsificación das facturas, Miguel Vilariño, a quen o Goberno local tratou de "desacreditar", polo que reclamou ao Concello que lle pidan unha desculpa".

Ademais insistiu en que, conforme a unha sentenza do pasado mes de xullo, Vilariño debe ser restituído no seu posto de traballo no departamento de Relacións Veciñais, do que se lle apartou tras o escándalo, unha situación "parecida" á relacionada cos postos de interventor e secretario, polo que o Concello tamén foi condenado.

Comentarios