Condenados o alcalde de Palas, Pablo Taboada, e o seu predecesor por prevaricación e acoso laboral

Ambos deberán afrontar nove e oito anos de inhabilitación respectivamente por un caso no que tamén participaron outros concelleiros
Pablo Taboada
photo_camera Pablo Taboada

A Audiencia Provincial condenou ao alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, a nove anos de inhabilitación por prevaricación por convocar o pleno extraordinario no que se cesou á secretaria municipal que interpuxo a denuncia, mentres que a Fernando Pensado, o seu predecesor no cargo, imponlle oito anos de inhabilitación polo mesmo delito, xa que "foi alcalde en anos anteriores e debía ter coñecemento da correcta actuación municipal".

Tamén inhabilita aos concelleiros José Ramón García Vázquez, María Cristina Lodeiro, Amando Sande e María Aurora Vila Agra. Para cada un deles a Audiencia dita sete anos de inhabilitación.

ACOSO. Polo delito de acoso laboral á secretaria municipal, Pablo Taboada é condenado a 15 meses de prisión. "Ademais de tomar a iniciativa de hostigar e acosar á secretaria", di a sentenza, "non realizou actividade algunha, estando na súa man, por evitar a situación de acoso".

Nos mesmos termos e a mesma pena refírese a Fernando Pensado, que foi alcalde desde a toma de posesión da secretaria ata 2011.

Os xuíces consideran que tamén participaron neste acosos en distinta medida os funcionarios do Concello de Palas Carlos Ouro (doce meses de prisión), Juan Manuel Varela (9 meses), María Luisa Novo (6 meses).

Ademais, fixa unha indemnización, que deben abonar solidariamente todos os condenados por acoso, de 12.000 euros.

De todos os acusados, os únicos que son absoltos de todos os delitos son a funcionaria do Concello Marta María Penas Pérez e José Norberto Uzal Tresandi, que era Director Xeral de Administración Local da Xunta.

Comentarios