Condenado a dous anos e catro meses de cárcere pola morte do dono dun cíber de Marín

Deberá indemnizar con 115.000 euros á viúva do defunto e tamén os seus catro fillos

Un dos detidos pola morte dun home nun cíber de Marín. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un dos detidos pola morte dun home nun cíber de Marín. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Dous anos e catro meses de prisión é a pena imposta polo Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra a Joaquín Salazar Jiménez pola morte do propietario dun cíber de Marín no ano 2016. A vítima, José Manuel Piedras, faleceu como consecuencia dun golpe que recibiu tras desencadearse unha pelexa no interior do local cuns clientes: o condenado e dous dos seus irmáns, todos veciños do Vao (Poio). Na disputa viuse tamén involucrado o fillo do falecido, que deberá indemnizar os agresores polas lesións que lles infrinxiu durante a liorta. Un castigo similar ao dos outros partícipes que non propinaron o golpe fatal.

Ao principal condenado, Joaquín Salazar, atribúeselle un delito de homicidio imprudente e de lesións, xa que o xuíz entende que a súa intención non era acabar coa vida do propietario do establecemento, ao que pegou unha puñada no nariz, coa mala fortuna de que, ao caer de costas, golpeouse a cabeza contra o chan que causou as lesións que provocarían a súa morte dous días despois. Ademais, deberá indemnizar con 115.000 euros á viúva do defunto, con 50.000 euros a dous dos seus catro fillos e con outros 20.000 aos outros dous.

A orixe da pelexa que tivo o tráxico desenlace foi a negativa da vítima a gravar un CD con música aos irmáns. Iniciouse entón un cruzamento de insultos e o sesaxenario decidiu chamar ao seu fillo para que acudise ao local. Ao ser informado do ocorrido, este instou os irmáns e os seus familiares a abondonar o cíber, o que desencadeou a liorta.

Comentarios