Condenado por agredir a dous policías o profesor da USC apartado tras vexar a alumnas

A pena imposta a Luciano Méndez é dun ano e tres meses de cárcere
Luciano Méndez. EL CORREO GALLEGO
photo_camera Luciano Méndez. EL CORREO GALLEGO

O profesor de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Luciano Méndez, que fora apartado das aulas por vexar a alumnas, foi condenado un ano e tres meses de cárcere por un delito de atentado, tras agredir dous axentes na porta da comisaría da Policía Nacional en xuño de 2018.

En concreto, a sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede na capital galega, impúxolle unha pena dun ano de cárcere polo delito de atentado e tres meses por un delito leve de lesións. Ademais, Méndez deberá pagar unha multa de 180 euros e unha indemnización de 2.475,26 euros a un dos axentes, ademais das costas xudiciais.

O docente foi suspendido de emprego e soldo na USC como consecuencia dun expediente disciplinario que a universidade abriu contra el, tras as denuncias dunha alumna que afirmou que a vexou, ao realizar comentarios sobre o seu escote durante a clase. Centenares de alumnos concentráronse para pedir a dimisión deste profesor, que en 2018 tamén mostrou o seu apoio aos violadores integrantes da Manada.

Agora, a Audiencia Provincial confirma a condena que anteriormente emitira o Xulgado do Penal número 2 de Santiago, que declarou probado que Méndez, o 27 de xuño de 2018, "estaba aparcado enfronte da comisaría de Policía de Santiago de Compostela" intentando arrincar o seu vehículo e que, tras non conseguilo, achegouse a el un dos axentes afectados.

Este, "tras apartar un cono que lle dificultaba a saída, díxolle a través da porta aberta do coche que probablemente non arrincaba pola acción do inhibidor de frecuencia". Foi entón cando o profesor "reaccionou de xeito violento e intentou pechar a porta co axente no medio, chegándolle a golpear nas costas ata en dúas ocasións", engádese na sentenza.

O profesor tamén deberá pagar unha multa e unha indemnización

Atendendo ao texto da resolución, Méndez saíu do coche e propinoulle un forte lapote na cabeza ao axente e outro "forte golpe no pómulo esquerdo e no nariz" a un segundo policía. "Acudiron, entón, outros tres para reducir o acusado, que se revolveu con violencia, sendo detido, finalmente, e trasladado a dependencias policiais".

O maxistrado sinala na sentenza que un dos policías sufriu lesións no pescozo, nariz e pómulo, que tardaron 46 días en sandar, e polos cales estivo incapacitado para a súa profesión habitual. Ao outro funcionario, que se reservou o dereito a exercitar accións civís contra o profesor, causoulle unha contusión facial.

A Audiencia rexeitou no seu escrito os argumentos de Luciano Méndez para librarse da condena e sinalou que tanto os vídeos das cámaras de seguridade da comisaría como os testemuños de varios axentes e os partes médicos proban os feitos.

Ante a sentenza, cabe recurso de casación.