Condenado a 32 anos de cárcere por abusar de 12 nenas na Coruña

O agresor entraba coas menores nos portais das súas casas, onde lles tocaba nas pernas ou nas nádegas antes de fuxir
Audiencia Provincial de A Coruña. AEP
photo_camera Audiencia Provincial da Coruña. AEP

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a 32 anos e medio de cárcere a un home que fixo tocamentos a doce nenas e intentouno con outras dúas máis, no interior dos portais das súas vivendas na Coruña, informaron este mércores fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Os xuíces considerárono autor de catorce delitos de abuso sexual, dous deles en grao de tentativa, sobre menores de dezaseis anos. Segundo indica o tribunal na sentenza, o sospeitoso, que residía en Santiago de Compostela, desprazábase "con frecuencia" ata A Coruña, onde cometeu os abusos entre xuño de 2018 e xaneiro de 2019, "con intención de satisfacer os seus desexos sexuais".

O modus operandi era sempre o mesmo, o de esperar ás súas vítimas seleccionadas "ao azar" nas inmediacións de centros escolares, seguilas ata os seus domicilios e entrar con elas nos portais, onde lles tocaba nas pernas ou nas nádegas e despois fuxía.

Nun primeiro momento, o fiscal demandaba para el 51 anos de cárcere pero na sesión rebaixou a petición de pena a 38 anos por entender suprimido o agravante de reincidencia derivada dos antecedentes penais por unha anterior condena ditada en 2008 pola Audiencia Provincial de Ourense por mor de feitos similares. No entanto, á hora de establecer as condenas, a Audiencia tivo en conta a atenuante de confesión.

Tamén lle impuxo oito anos de liberdade vixiada, así como a prohibición de comunicarse por calquera medio e de achegarse a menos de 500 metros de cada unha das vítimas, ao seu domicilio ou ao seu lugar de estudos ou de traballo durante sete anos.

En concepto de responsabilidade civil, o condenado, que admitiu os abusos durante a vista oral do xuízo celebrada o 4 de febreiro na sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, deberá abonar un total de 23.000 euros, que serán repartidos entre as vítimas.

Así mesmo, foi inhabilitado para calquera profesión que leve contacto regular e directo con menores de idade durante sete anos.

Como consecuencia destes feitos, todas as menores, excepto unha, sufriron "algunha afectación psicolóxica" como problemas de insomnio e condutas de hipervixilancia referidas ao temor a saír soas á rúa e a manter unha actitude cautelosa , puntualizan os xuíces.

Comentarios