Condenada a banda que quixo dar un 'envorco' en Muxía e desencadeou un tiroteo con dous feridos

Entre os tres integrantes –veciños de Ponteareas, O Páramo e un arxentino– suman penas de case 23 anos de cárcere. O suposto comprador, que resultou ferido, tamén foi condenado a un ano por disparar en defensa propia

Tres integrantes dunha banda especializada en simular vendas de droga para atracar aos compradores foron condenados a penas que suman preto de 23 anos de cárcere. Trátase de Benigno B.R., veciño de Ponteareas; Ricardo M.A., de nacionalidade arxentina, e M.C.R., veciño do Páramo. 

O tiroteo que desencadeou as detencións produciuse en decembro de 2014 na aldea de Aboi, en Muxía, na casa do home que ía comprar a droga. Este, Bernardino Ferrio, que resultou ferido de bala, e tamén foi condenado a un ano de cárcere por disparar á súa vez contra un dos agresores, aínda que a Audiencia da Coruña considera que actuou en lexítima defensa. 

Ese asaltante ferido era Ricardo M.A., a quen os seus compañeiros levaron despois ata Outeiro de Rei, lugar desde o que colleu un taxi ata o Hospital Lucus Augusti, onde asegurou nun primeiro momento que sufrira un atraco no Polígono do Ceao. As súas vagas explicacións espertaron as sospeitas e pronto se lle vinculou co tiroteo ocorrido horas antes en Muxía.  

Os delitos que se lles imputan son o de homicido en grao de tentativa, ademais de pertenza a grupo criminal, roubo con violencia e tenencia ilícita de armas. O seu proceder é o que no argot se coñece como dar un envorco, é dicir, un roubo entre narcotraficantes, aínda que neste caso os integrantes da banda eran narcos ficticios.

Segundo a sentenza facilitada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os tres acusados, que foron detidos en xaneiro de 2015, formaban parte dunha banda cuxo xefa, Plácido P.H., faleceu en xuño pasado. Este último "planificaba e contactaba" con persoas que estaban interesadas en comprar droga, polo que "se desprazaba persoalmente no seu vehículo por toda a xeografía galega" e daba instrucións aos outros tres membros da banda, agora condenados.

O TIROTEO. En decembro de 2014 a banda estableceu contacto con Bernardino Ferrio e concertaron unha cita en casa deste último en Muxía. Saíron de Lugo e alí acudiron nun vehículo tras comprar gorros e luvas nun establecemento das aforas de Santiago de Compostela. Unha vez no lugar, Ricardo M.A. "apeouse do vehículo e dirixiuse á entrada da vivenda na que mantivo unha conversación con Bernardino, ao que nun momento dado lle dixo: dáme todo o que tes", segundo o fallo. "Como Bernardino non accedeu a tal pretensión", Benigno e Ricardo, "coa intención de acabar coa vida de Bernardino ou asumindo que podían facelo, dispararon" sobre el, engade o texto.

"Benigno fíxoo desde o vehículo no que chegaran ao lugar e cunha arma non identificada que non consta que alcanzase a Bernardino, mentres que Ricardo disparou a Bernardino á altura do seu abdome facéndoo cunha pistola semiautomática marca Walter P38 do calibre 9 mm Parabellum que portaba", apunta a sentenza.

A vítima, "ante o temor de que puidese continuar o ataque, fixo para repelelo, un disparo sobre Ricardo cunha pequena pistola que levaba na súa chaqueta tipo chaveiro" da que "non consta que estea prohibida ou precise de autorización para o seu uso" e da que "se desfixo instantes despois".

Tras o intercambio de disparos, Ricardo e Benigno "fuxiron da casa rural de Bernardino a bordo do vehículo no que acudiran ao lugar", indica que sentencia.

AS CONDENAS. A Audiencia da Coruña condena a Benigno B.R. a un total de nove anos, once meses e un día de prisión por tentativa de homicidio, roubo con violencia e intimidación, tenencia ilícita de arma e integración de grupo criminal para cometer delito.

Tamén impón a Ricardo M.A., de nacionalidade arxentina e sobre o que pesa unha orde de expulsión, a un total de oito anos, once meses e un día de reclusión por tentativa de homicidio, roubo con violencia e intimidación, tenencia ilícita de armas e integración de grupo criminal.

O terceiro membro da banda, identificado como M.C.R., foi condenado a tres anos e tres mees reclusión polos delitos de roubo con violencia e intimidación, tenencia ilícita de armas e integración de grupo criminal.

LESIÓNS. Bernardino Ferrio sufriu tres perforacións intestinais debido aos disparos, permaneceu seis días hospitalizado e ten unha cicatriz de 27 centímetros pola ferida, que lle impide unha flexión completa da coxa sobre a cadeira do membro inferior dereito.

Pola súa banda, Ricardo M.C. sufriu unha ferida de bala nas costelas pola que tivo que ser intervido para extraerlle o proxectil, permaneceu un día hospitalizado e aínda ten unha cicatriz en rexión axilar dereita.

Nos rexistros dos seus domicilios, un deles na localidade de Xinzo-Ponteareas (Pontevedra) e outro noutro punto de Lugo, os axentes acharon varias pistolas, municións e "tres paquetes precintados e embalados con cinta americana de cor negra similares a paquetes de 1 kg de sustancia estupefaciente" pero que en realidade contiñan arroz.

Comentarios