Concentración ante unha inmobiliaria pola ameaza de desaloxo dunha familia de Brión

Unha vintena de persoas concentráronse esta mañá diante da inmobiliaria Urban, en Santiago de Compostela, para protestar contra o desaloxo dunha familia que alugou un piso no Concello coruñés de Brión con varias "irregularidades".

A vítima, Marilena Calota, denunciou que lle alugaron unha vivenda nun edificio que non tiña licenza para ese uso, senón para hotel ou residencia da terceira idade.

Logo alugáronlles outra vivenda cuxo contrato non aparecía rexistrado no Insituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) nin a fianza depositada ante ese organismo dependente da Xunta.

Un representante de Stop Desafiuzamentos, Roi Riveira, asegurou que estes procedementos son "abusivos", xa que incluso a inmobiliaria reclámalle a ela e aos seus familiares débedas "de inquilinos anteriores".

Urban obrígaos a que o 31 deste mes teñen abandonen o piso e exíselles unha débeda de case 1.500 euros polo aluguer e a subministración de electricidade e auga.

Pola súa banda, a afectada pide a devolución do diñeiro ou un prazo de sete meses para buscar outra solución, mentres os nenos continúan escolarizados.

Calota argumenta que a falta de pago obedece a carencia de emprego dela, e do seu marido, afectado por unha enfermidade dexenerativa que lle provocou invalidez.

Ademais, a familia sobrevive cunha axuda de catrocentos euros ao mes, insuficiente para afrontar os gastos domésticos, polo que desde decembro pasado deixou de pagar o aluguer, segundo Calota.

Riveira, en declaracións a EFE, asegurou que a Administración debería garantir o dereito á vivenda xa que "está protexido pola Constitución".

O representante de Stop Desafiuzamentos afirmou que hai máis familias nesta situación pero que "por medo a represalias" non recorren á vía xudicial, xa que se caracterizan por ser "familias cun gran risco de exclusión social".

Denunciou ademais que Urban continúa reacollendo a familias nese edificio a pesar de que o propio Concello de Brión multou a inmobiliaria con cinco mil euros mensuais.

Comentarios