
Os 176 concellos adheridos ao convenio entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias derivaron á Administración autonómica máis de 5.700 denuncias de incumprimentos das medidas para o control da pandemia de covid-19.
Segundo detalla o Goberno autonómico nun comunicado remitido aos medios este domingo, das denuncias delegadas á Xunta para a súa xestión, unhas 2.000 xa foron reenviadas aos concellos para a apertura de expedientes sancionadores.
Unha vez cumprido este paso, a Xunta encárgase da notificación aos infractores. Todo iso para "axilizar a tramitación e que as sancións cheguen canto antes aos infractores".
Este procedemento forma parte do convenio subscrito entre Xunta e os representantes das entidades locais para a xestión, notificación e execución das denuncias relacionadas con incumprimentos das medidas sanitarias ditadas pola administración.
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, destacou o "éxito" desta iniciativa, como, ao seu xuízo, demostra que se adheriron ao programa máis da metade dos 313 concellos galegos.
Por iso, puxo o acento na necesidade de "reforzar" a colaboración entre administracións "para que ningún incumprimento quede impune e todas as infraccións teñan sanción e estas cheguen aos infractores".