"Clarificado" o intento de rapto dun bebé en Ferrol

A nai que denunciou o suceso dáo por "aclarado" ao coñecer que o home sofre problemas psiquiátricos

Parque infantil na praza de Amboage, no barrio da Magdalena. GOOGLE MAPS
photo_camera Parque infantil na praza de Amboage, no barrio da Magdalena. GOOGLE MAPS

A nai do neno de catro anos que presentou o pasado venres unha denuncia na Comisaría de Ferrol-Narón contra un home por intentar supostamente levar ao seu fillo dun parque ferrolán, situado na praza de Amboage, asegurou que "está todo clarificado e aclarado". 

Así o comentou tras coñecer que o home sofre problemas de tipo psiquiátrico e que previamente, segundo apuntou, "tratou de roubar unha carteira a uns nenos noutra zona da cidade". 

En declaracións a Europa Press, a muller manifestou que esta situación se xerou "a consecuencia da enfermidade deste mozo, con problemas mentais e que non foi este o único incidente que provocou". Así, apuntou que o "susto foi moi grande, pero agora está todo clarificado". 

"Eu non denunciei por intento de secuestro", matizou e explicou que, por recomendacións da Policía Nacional, decidiu deixar todo como "unha mala experiencia, para que non vaia todo isto máis aló".

"FERROL, CIDADE TRANQUILA". Ante esta situación, o mozo que supostamente intentou levar ao neno, ao que invitou a acompañalo, foi trasladado a un centro psiquiátrico por orde xudicial. Por iso, quixo clarificar a muller que "non se vai a producir ningún tipo de xuízo". 

"Creouse unha alarma social que non é necesaria", sostivo, polo que manifestou que "é necesario volver transmitir que Ferrol é unha cidade tranquila e que isto se produciu por un problema puntual, que xa está resolto".