Cinco detidos no marco dunha operación contra a venda ilegal de carne de cabalo

A Garda Civil detivo cinco persoas por introducir carne de cabalo en matadoiros de toda España falsificando ou alterando os documentos de identidade e de control sanitario, co obxectivo de que se destinase a consumo humano aínda que previsiblemente non pasara os filtros pertinentes.

Segundo informou a Dirección Xeral da Garda Civil, na operación leváronse a cabo dezasete rexistros en explotacións gandeiras, leiras privadas, clínicas veterinarias e matadoiros das provincias de Valencia, Asturias, A Coruña, Toledo, Ávila, Madrid, Valladolid, Zaragoza e Xaén.

Polo momento, aínda que a operación continúa aberta, hai cinco detidos aos que se imputan delitos contra a saúde pública, falsificación de documentos e organización criminal.

Algúns destes arrestados están relacionados con outra operación realizada en Francia en decembro do pasado ano por feitos similares.

Os agora detidos introducían presuntamente equinos en distintos matadoiros de toda España falsificando ou alterando os seus documentos identificativos e de control sanitario, co obxectivo de que a carne dos animais fose aceptada e se destinase a consumo humano.

A carne incautada púxose en mans das autoridades sanitarias para a súa análise e determinar se existiu algún risco para os consumidores, xa que non tería pasado os controis pertinentes, precisaron fontes do instituto armado.

Os detidos serán postos a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Santa Coloma de Farners, Xirona, que decretou o segredo das actuacións.

A operación está coordinada pola Unidade de Policía Xudicial da Zona de Cataluña co apoio da Policía Xudicial e do Seprona das Comandancias afectadas, por persoal desprazado da Xendarmería Francesa e en colaboración coa Axencia Eurojust.

Comentarios