Ciudadanos reestrutura a súa dirección en Galicia e incorpora cinco novos membros

Nomea o concelleiro en Ourense José Araújo, exedil do PP, novo coordinador na provincia

José Araújo. BRAIS LORENZO
photo_camera José Araújo. BRAIS LORENZO

O Comité Permanente de Ciudadanos, reunido este luns en Madrid, aprobou a incorporación de cinco novos membros ao Comité Autonómico da formación en Galicia. Entre eles está o concelleiro en Ourense José Araújo, quen ademais asumirá o cargo de coordinador na provincia. 

Segundo informa o partido nun comunicado, tamén se suman á dirección galega o afiliado vigués Luis Gil Calzada; o compostelán Juan Insua; o coordinador da agrupación local de Santiago, Miguel Ángel Fritiría Eiras e a concelleira en Sanxenxo Vanessa Rodríguez Búa

Á parte destes cinco novos integrantes, conforman o Comité Autonómico a coordinadora en Galicia, Beatriz Pino, e os demais coordinadores provinciais: María Vilas (A Coruña), Francisco Pintado (Lugo) e Luis Miguel Lamas (Pontevedra). Tamén se manteñen como membros Olga Louzao, Abel García, Silvia Caramés, José Ramón Oulego e Andrés Cal. Quen xa non figura neste órgano é Jorge Barrio, ata o momento responsable da área de comunicación.

Unha das novidades na estrutura a designación de José Araújo —exconcelleiro co PP e candidato de Cs á alcaldía de Ourense nas eleccións de 2019— como novo coordinador na provincia tras a renuncia de Manuel Ribao o pasado febreiro. A marcha de Ribao produciuse a mesma xornada que a de Montserrat Lama, que era a única representante da formación laranxa na Deputación de Ourense e agora mantense como deputada non adscrita. Ambos manifestaron no seu momento o seu desacordo co xeito de actuar do partido durante as negociacións con ofertas de cargos tanto por parte do PP como do PSOE, que intentou unha moción de censura contra o presidente provincial, Manuel Baltar. 

Agora, será José Araújo quen tome as rendas de Ciudadanos na provincia xusto nun momento no que populares e socialistas se lanzan propostas mutuas para intentar desbancar o alcalde da capital, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana) a través dunha moción de censura

Comentarios