Chega a Compostela o peregrino 100.000 de 2016, un murciano que fixo o Camiño a pé co seu fillo

En total percorreu 190 quilómetros a pé durante dez días. No que vai de ano as rutas xacobeas xa recibiron un 8% máis de camiñantes que en 2015, todo un récord
El deán de la catedral y el gerente del Xacobeo entregan un obsequio al peregrino 100.000 de 2016
photo_camera El deán de la catedral y el gerente del Xacobeo entregan un obsequio al peregrino 100.000 de 2016

O peregrino número 100.000 deste ano 2016 selou a súa Compostela este xoves en Santiago. Trátase dun murciano de 55 anos chamado José Rodríguez Martínez, que fixo o Camiño Portugués desde a localidade lusa de Barcelos acompañado polo seu fillo, Miguel Ángel. En total percorreu 190 quilómetros a pé durante dez días.

Para este investigador da Universidade de Murcia a peregrinación foi unha experiencia nova, mentres que o seu fillo, que estuda Medicina en Lisboa, é xa todo un veterano, pois para el esta foi a súa terceira vez no Camiño. De feito, foi el quen recomendou ao seu pai vivir a aventura.

José Rodríguez, pola súa banda, mostrouse emocionado por compartir a experiencia co seu fillo, ao que viu pouco no último ano ao estar a estudar en Lisboa. Foi ese motivo o que os animou a elixir a ruta lusa. 

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e o deán da catedral de Santiago, Segundo Pérez, recibiron a este camiñante tras a súa participación na Misa do Peregrino das 19.30 horas e obsequiárono cun diploma e uns agasallos conmemorativos.  Sánchez destacou que no que vai de ano bateuse un récord de peregrinos, xa que van 8.000 máis que os rexistrados a estas alturas en 2015. Isto é, un incremento do 8%.

Comentarios