Charlotte Goiar iniciará unha folga de fame se o Sergas non pon data á súa cirurxía de cambio de sexo

A viguesa, de 44 anos, foi intervida xa en xaneiro de 2015, pero está pendente dunha cirurxía de remodelación estrutural dos xenitais e de reparación dunha fístula que Sanidade debe sufragar por mandato xudicial
Charlotte Goiar
photo_camera Charlotte Goiar

A paciente de 44 anos Charlotte Goiar, á que o Sergas debe sufragar por orde xudicial a súa operación de cambio de sexo, anunciou este mércores que o 10 de novembro iniciará unha folga de fame para denunciar a falta de cumprimento da sentenza, que ordena a súa derivación a unha clínica privada de Barcelona. A decisión desta viguesa prodúcese tras "unha década de loita administrativa e xudicial", segundo sinala nun comunicado no que cualifica de "inhumano e desolador" o estado no que se atopa tras "case dous anos de sufrimento crónico, sumida nun longo período de posoperatorio que levou múltiples cirurxías".

Denuncia que o Sergas non poña fin ao seu "doloroso" proceso con "a maior brevidade posible", deixándoa coa súa vida "paralizada" e "en tratamento permanente con antidepresivos e ansiolíticos". Nesa liña, asegura que é "vítima dunha discriminación constante por parte das institucións" debido "a unha patoloxía conxénita do desenvolvemento físico" que —subliña— ela non escolleu.

Se antes do 10 de novembro non percibe no Sergas vontade de cumprimento da orde xudicial procederá á folga de fame "ata o seu final"



Goiar indica que "ante este panorama e cos antecedentes da Administración sanitaria galega de incumprimento reiterado das sentenzas, cheguei a un extremo no que excedín todo límite de aguante humano posible, chegando á conclusión de que unha vida así (...) non merece a pena ser vivida", expón na nota. E alerta de que se antes da data que marcou para a súa folga non recibe algunha "manifestación de vontade de cumprimento da orde xudicial, que é firme", dáse "por rendida", ao atoparse "sen recursos económicos suficientes nin apoio familiar". "A miña única opción será entón proceder coa folga de fame ata o seu final, con todas as súas consecuencias", conclúe.

ANTECEDENTES. O titular do Xulgado do Social número un de Vigo ordenou en 2014 ao Sergas que, "o máis axiña posible", remitise á viguesa ao Instituto de Cirurxía Plástica doutor Iván Mañero de Barcelona, para que realizase a súa operación de reasignación de sexo, e asumise todos os gastos que implique a intervención, incluídos os de transporte, estancia e a propia operación. Esa sentenza daba concreción á resolución que en febreiro de 2012 emitiu o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Como o Sergas non realiza o tipo de cirurxía de reasignación de sexo que a viguesa precisaba, tivo que derivala a outro hospital, aínda que como o escrito xudicial non especificaba que tivese que ser un centro público ou privado, o proceso dilatouse no tempo. 

Finalmente, Charlotte Goiar, que sofre unha patoloxía de intersexualidade coñecida como Síndrome de Harry Benjamin, foi sometida á cirurxía de reasignación de sexo en xaneiro de 2015 e actualmente está pendente dunha operación de remodelación estrutural dos xenitais para a súa simetrización e mellora estética e funcional, e de reparación dunha fístula.  En resposta aos escritos presentados pola viguesa para esixir devandita operación, o pasado mes de setembro a xuíza substituta do Xulgado do Social número un de Vigo instou ao Sergas a que, "o máis axiña posible", a remitaá clínica que lle realizou as operacións anteriores para "proceder á cirurxía pendente".

Comentarios