Cen alumnos de FP medirán as súas destrezas no torneo 'Galicia Skills'

Serán 17 as especialidades en competición, como mecanizado, soldadura, control industrial, refrixeración, tecnoloxía do automóbil ou xardinería paisaxística

Un centenar de estudantes de 40 centros educativos medirán os seus coñecementos e destrezas en Formación Profesional na cuarta edición do campionato 'Galicia Skills', que se celebrará no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca do 30 de novembro ao 2 de decembro. O alumnado participante reunirase por primeira vez nun único lugar e competirá ao mesmo tempo dado que, en edicións anteriores do evento, as distintas probas desenvolvéronse en diferentes centros educativos ao longo do mes de outubro.

Serán 17 as especialidades ou skills en competición, e estas correspóndense cun ou máis ciclos das distintas familias profesionais. O alumnado medirá as súas destrezas en materias como mecanizado, soldadura, control industrial, refrixeración, tecnoloxía do automóbil ou xardinería paisaxística.

Os gañadores en cada unha das 17 especialidades pasarán a formar parte do equipo que representará a Galicia no campionato nacional. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, explicou na presentación do torneo que o seu obxectivo é pór en valor o traballo dos centros, do profesorado e do alumnado de FP, tendo en conta que se trata dunha modalidade de formación "cada vez máis especializada" e "vinculada ás necesidades da sociedade e os sectores produtivos".

Asegurou que durante o 'Galicia Skills' viviranse "tres días de gran intensidade e competición sa, que servirán para que a Formación Profesional galega saque músculo".

Comentarios