Case 450.000 galegos teñen seguro sanitario privado

Preto de 450.000 cidadáns galegos teñen un seguro sanitario privado, o 16,1 % da poboación, o que xera unhas primas anuais para o sector de 250 millóns de euros, segundo datos feitos públicos hoxe na Xornada Sanidade Privada en Galicia: Achegando Valor, que se celebra en Compostela.

En España, sostén este informe, case sete millóns de persoas teñen un seguro sanitario privado, que ascenderían a nove millóns se se sumasen os dous millóns de funcionarios cotizantes a mutualidades. Rafael Silva Agregán, director xerente do Hospital A Rosaleda, declarou durante a xornada organizada polo Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (IDIS) que, se se traslada o aforro que supoñen estes asegurados ao sistema público, 1.488 euros por persoa e ano, a sanidade pública galega aforra 669 millóns de euros.

Galicia ten 34 hospitais públicos e 26 privados con 2.485 camas, e, deles, 19 teñen concerto coa sanidade pública, o que representa un 73 % do conxunto dos centros. Rafael Silva tamén destacou que o 1,75 % do PIB da comunidade galega xérao a sanidade privada cunha facturación que se sitúa cada ano ao redor de 500 millóns de euros.

"A estrutura que ten a sociedade privada permite atender con suficiencia os pacientes do sector privado e os pacientes derivados do sector público. Ademais, case todos os hospitais están acreditados polo Sergas, o que garante os niveis de calidade na prestación sanitaria", agregou. O número de médicos da sanidade pública supera os 2.300 dos 7.700 profesionais sanitarios que hai na comunidade.

CONEXIÓN ENTRE CENTROS
A subdirectora xeral de Planificación e Ordenación Sanitaria, Mercedes Lanza, manifestou durante a súa intervención a necesidade de revisar o modelo da concertación para unha mellor definición de papeis. Ademais, falou da necesidade de conectar en rede os centros privados e públicos para que os primeiros poidan dispor daquela información fundamental sobre calquera paciente.

No informe facilitado durante esta xornada tamén se destaca que é necesario que a administración central e as autonómicas "se preocupen polo sector sanitario privado e acepten o concepto de 'complementariedad', desenvolvendo, se fose necesario, un novo marco normativo que defina mellor o sector sanitario privado e estableza unhas regras de xogo de planificación e relacións". Datos achegados nesta xornada conclúen así mesmo que durante o pasado ano a cifra de asegurados na sanidade privada aumentou un 4%.

Comentarios