Case un centenar de graos das universidades galegas esgotaron as súas prazas dispoñibles

No campus de Lugo quedan aínda nove carreiras onde elixir
Facultad de Veterinaria de Lugo. AEP
photo_camera Facultade de Veterinaria de Lugo. AEP

Case un centenar das 169 carreiras do sistema universitario de Galicia quedáronse sen prazas tras a cuarta lista de admitidos da proba de selectividade, publicada o martes pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (Ciug). Nesta ocasión, son nove os graos que completan a cota de alumnos —ningún no campus de Lugo— e, ademais, catro deles son de Enfermaría, que agora só queda con prazas dispoñibles na comunidade na Escola Universitaria de Enfermería de Povisa, adscrita á Universidade de Vigo (UVigo).

En total, son 92 as titulacións pechadas, aínda que se manteñen libres para unha convocatoria máis os cinco graos dobres que aínda quedaron con oco na anterior chamada á matriculación. Son, en concreto, o de Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos que imparte a Universidade de Santiago (USC); os estudos de Galego Portugués combinados tanto cos de lingua española como con lingua inglesa da Universidade de A Coruña (UDC); o grao simultáneo de Enxeñaría Mecánica e Naval que se estuda no campus de Ferrol —tamén da UDC— e o que combina Turismo con Xeografía e Historia do campus ourensán da UVigo.

En cambio, máis dificultades atoparán aqueles preuniversitarios que aspiren a cursar estudos de enfermería en Galicia: logo de pecharse as opcións dos campus de Ferrol, Ourense e Pontevedra, así como o grao asociado ao Hospital do Meixoeiro de Vigo, tan só queda a posibilidade de inscribirse na Escola Universitaria de Enfermería de Povisa, igualmente na cidade olívica. Este grao posúe 70 prazas de partida e o ano pasado deixou a nota de corte nun 8,748.

Pola súa banda, de entre os catro novos títulos lanzados este ano en Galicia, unicamente ten postos libres o grao de Xestión Dixital de Información e Documentación, que ten as súas aulas no campus de Ferrol da UDC e unha nota de corte de 5,93. A diferenza deste, a carreira de Ciencia e Enxeñaría de Datos e a de Creación Dixital, Animación e Videoxogos —ambas na Coruña—, do mesmo xeito que a de Robótica —na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo—, completaron as 50 prazas que tiñan cada unha.

LUGO. No campus de Lugo aínda non se pecharon 9 dos seus 17 graos: Administración e Dirección de Empresas; Ciencias da Cultura e Difusión Cultural —tanto en modalidade presencial como semipresencial—; Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria; Enxeñaría Civil; Enxeñaría Forestal e do Medio Natural; Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais; Relacións Laborais e Recursos Humanos, e Veterinaria.

Este mércores ábrese o quinto prazo de inscrición, que se prolongará ata as 14.00 horas do venres. Se os alumnos non foron convocados a matricularse na súa carreira da súa preferencia, poderán esperar aínda a futuras listas, que se publicarán o 27 deste mes e o 3 e 10 de setembro, última chamada.

Comentarios