Carmen Santos deixará o liderado de Podemos Galicia

A actual secretaria xeral non optará a revalidar o cargo aínda que a apoiará "simbolicamente" outra proposta alternativa á de Gómez-Reino

Carmen Santos.LAVANDEIRA JR
photo_camera Carmen Santos.LAVANDEIRA JR

A ata agora secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, avanzou este sábado que non optará a revalidar o seu cargo na dirección do partido, posto que decidiu neste momento centrarse no seu traballo "institucional".

Deste xeito, o papel de Santos no transcurso da III Asemblea Cidadá, un proceso interno que culminará a finais do próximo mes de outubro coa elección dun novo equipo de dirección, será unicamente "simbólico", segundo dixo nunha rolda de prensa celebrada este sábado en Santiago.

"Non vou deixar de participar neste proceso de primarias. Vou estar na candidatura do consello de coordinación saínte e os equipos de traballo que levamos dous anos e medio", engadiu, en alusión á data na que accedeu á secretaría xeral, en abril de 2016. "Non dou un paso atrás, só cambio de posición", subliñou Santos, que defendeu unha "dirección coral".

Por iso, irá na lista "de forma simbólica", co obxectivo de que se identifique cal é o proxecto que ela apoia, e que competirá, polo menos, co de Antón Gómez-Reino.

Este domingo a secretaria de organización Natalia Prieto convocará aos medios de comunicación para dicir quen pilotarán tal proposta.

No entanto, xa na véspera avanzouse que non está sobre a mesa unha unión das dúas candidaturas, dado que son formulacións moi distintas e, ademais, esta lanzarase sen contactar co resto da organización.

Santos recordou que se afrontou o anterior proceso "moi convulso" e que foi "bastante duro", pero neste tempo, remarcou, conseguíronse grandes logros. "O fin deste primeiro período á fronte da secretaría xeral foi moi satisfactorio, conseguimos chegar a un momento de paz interna dentro de Podemos. O traballo leal entre compañeiros debería ser a norma e para nós é a norma", subliñou.

E agregou que "logo de dous anos e medio considero que dentro do traballo ás veces hai que reordenar os roles".

En efecto, fixo fincapé Santos, "a miña prioridade foi a interna, a unión do partido, a súa consolidación... E agora priorizar o traballo institucional no Parlamento, visibilizar unha opción non corrupta fronte ao goberno de Núñez Feijóo". "Quero seguir sendo a voz institucional no grupo parlamentario de Podemos", resolveu. 

Comentarios