Santos afea o "talante pouco democrático" de Paula Prado

A líder de Podemos Galicia, tras o seu cruzamento de mensaxes en Twitter, pídelle á viceportavoz popular que non leve ás redes "debates que deben darse" no Parlamento
Paula Prado y Carmen Santos
photo_camera Paula Prado y Carmen Santos

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, criticou que a viceportavoz do Partido Popular na Cámara galega, Paula Prado, "confunda as redes" sociais para abrir debates que, na súa opinión, "deben darse" no Parlamento de Galicia.

A tamén deputada de En Marea remitiu este martes un comunicado aos medios no que fai referencia a unha discusión que mantivo con Paula Prado na rede social Twitter por mor da foto publicada por Ramón Espinar dunha mariscada en Galicia.

Respecto diso, Santos invita á deputada do PP a "aprender a diferenciar os rexistros e espazos de comunicación" e pediulle que se comporte co decoro institucional "que o PP tanto esixe para os demais".  Así mesmo, critica o "talante pouco democrático" e "terxiversador" de Paula Prado, á que ve "falta de discurso" máis aló "do insulto" ou do "argumentario de partido" cando "é consciente de que non pode rebater o que se lle bota en cara".

RAJOY CITADO A DECLARAR Por outra banda, no comunicado, Carmen Santos destacou que "os cidadáns que a elixiron" danlle a "lexitimidade", primeiro como secretaria xeral do seu partido e despois como deputada. Ademais, tamén lle afeou que, a diferenza do Partido Popular, ela pertence a unha organización que "non está imputada".

Para rematar, afeoulle que pretenda "dar leccións de nada coa que está a caer no PP". Así, fixo referencia á citación a declarar como testemuña do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, "nun dos maiores casos de corrupción do Estado".

Comentarios