Os candidatos de En Marea ao 28-A: "Somos a lista 100% galega; sen tutelas"

Os cabezas de lista do villarismo defende o seu proxecto para "ter decisión" en Madrid

Os candidatos a ser cabezas de lista por En Marea ás eleccións xerais do próximo 28 de abril defenderon este martes o seu proxecto, co que non queren unicamente ter voz, dado que tamén ansían contar con poder de decisión en Congreso e Senado.

"Queremos non só ter voz, senón ter decisión", proclamou a dirixente pensada para liderar a candidatura ao Congreso pola Coruña, Ana Seijas, na rolda de prensa de presentación da proposta "O mar non ten cancelas", na que estivo acompañada por Cristina Pérez Herráiz (Lugo), Iris Malvido (Pontevedra) e Millán Brea Castro (ao Senado por Ourense).

Segundo Seijas, tamén viceportavoz da coordinadora de En Marea, a súa é unha "candidatura cento por cento galega, sen tutelas", porque "non queremos que ninguén decida por nós", sostivo.

Seijas considera que para Galicia é imprescindible contar con representantes de En Marea nas Cámaras de Madrid porque "somos a candidatura do rexeneracionismo, da democracia e da ética" que defenderá os intereses dos galegos".

Con todo, non quixo referirse aos deputados que representaron as siglas de En Marea ata a data e que, probablemente, se presenten nesta ocasión baixo outro nome nunha coalición conformada por Podemos, Esquerda Unida e Anova, xa que "hoxe non é o momento de falar do pasado, é o momento de falar do presente e do futuro".

Seijas: "En Marea, o espazo no cabe todo o mundo"
Fronte aos chamamentos á unidade para que En Marea se sume a esa coalición, Seijas refugou esa opción ao entender que precisamente En Marea "é o espazo onde cabe todo o mundo", e todos os que quixeron "tiveron a oportunidade de presentarse" ao proceso de primarias que abriu a formación e ao que finalmente só concorreron os afíns ao líder da formación Luís Villares.

Na súa opinión, En Marea é "o espazo do cambio no que todo o mundo pode caber" e, por iso, desde a súa dirección, "nunca rexeitamos a proposta de convivir dunha forma cooperativa e non competitiva" xa que se entendeu que "todos estabamos dentro da mesma casa".

Comentarios