Os candidatos fan un chamamento á cidadanía para que vote

Feijóo asegura que os colexios "son seguros absolutamente", mentres que algúns aspirantes reprochan que haxa centos de votantes" que non poden exercer o seu dereito ao voto pola covid-19
giphy
photo_camera Os seis candidatos acudiron a votar este domingo. EFE

Os candidatos á presidencia da Xunta dos principais partidos chamaron á participación este domingo tras emitir o seu voto nos seus colexios electorais nunhas eleccións autonómicas marcadas polas restricións derivadas da crise provocada pola covid-19.

O presidente da Xunta e candidato á reelección polo PPDEG, Alberto Núñez Feijóo, destacou a "absoluta normalidade" na constitución das mesas, incluídas as da Mariña, e a "alta participación" rexistrada nas primeiras horas, o que proba "que Galicia valora a democracia".

"Os colexios en Galicia son seguros absolutamente", subliñou Feijóo tras emitir o seu voto no centro Niño Jesús de Praga, en Vigo, onde destacou que a comunidade autónoma no seu conxunto "segue sendo das terras máis seguras de España desde o punto de vista da pandemia". Valorou tamén que "todo o censo electoral" en Galicia "pode acudir ás urnas" salvo "aproximadamente 248 persoas" contaxiadas por coronavirus "ás que pedimos por prudencia que non acudan a votar".

O candidato do PSDEG, Gonzalo Caballero, proclamou no colexio Salesianos desa mesma cidade que nestas eleccións a participación é "máis necesaria que nunca", tendo en conta que unha "mobilización masiva" é a mellor fórmula para "representar a vontade dun pobo".

Deste xeito, Caballero chamou aos galegos a buscar un oco para ir votar "extremando todas as precaucións para que non haxa erros" nun "momento moi especial" como o actual, que fai das eleccións "un punto de inflexión ante o reto dunha reconstrución" tras a pandemia.

O candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, pediu na outra punta da Comunidade "unha importante mobilización democrática" para "romper co pasado e a resignación", contribuíndo así a construír "o país que queremos" e "unha Galicia de futuro".

Con respecto ao brote de coronavirus na Mariña, Gómez-Reino, quen emitiu o seu voto no Centro Cívico da Cidade Vella da Coruña, expresou a súa "indignación democrática" polo feito de que haxa centenares de persoas" que non poidan exercer o seu dereito a voto.

Na capital galega, a candidata do BNG, Ana Pontón, chamou desde o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) a facer "historia" e votar "pensando no futuro", tras o que incidiu en que nestas eleccións "hai centos de galegos que non poderán exercer un dereito fundamental como é o dereito a voto".

Así, chamou a toda a cidadanía de toda Galicia, e en particular da Mariña á que lle estea permitido, que "estea presente e participe" nesta "xornada electoral atípica", á vez que afeou que a Xunta "non articule os mecanismos previstos na lexislación para este tipo de casos, posto que era a súa responsabilidade".

A candidata de Cidadáns, Beatriz Pino, pediu aos galegos na Casa das Artes de Vigo que voten "sen conformarse" para conseguir "unha Galicia do século XXI", tras o que augurou que a formación laranxa será "a gran sorpresa desta xornada electoral".

A cabeza de cartel de Marea Galeguista, Pancho Casal, lamentou que non se tomaron "medidas extraordinarias" para que poidan votar as persoas contaxiadas de coronavirus, como reabrir de xeito excepcional o voto por correo polo rebrote da Mariña (Lugo).

Vox presenta candidatos provinciais e ningún de xeito específico para presidir o Goberno galego, pois nesta convocatoria unicamente aspiran a un oco na Cámara. 

Comentarios