O Camiño xa triplica este ano os peregrinos do primeiro Xacobeo

A ruta podería pulverizar esta mesma semana unha nova marca: os 301.036 camiñantes de 2017, co que demostra non ter teito

Indicador del Camino de Santiago. EP
photo_camera Indicador del Camino de Santiago. EP

O tirón do Camiño de Santiago parece non ter teito. O número de peregrinos que o percorren non fai máis que crecer ano tras ano e todo indica que este 2018 marcará unha nova marca: "Máis de 320.000" camiñantes. Así o estima o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha previsión que pode pecar incluso de conservadora coa chegada este luns á capital galega do romeiro número 300.000, cando aínda restan dous meses e medio nunha ruta xacobea cada vez menos estacionalizada.

Polo momento, a cifra alcanzada este luns multiplica por tres as 99.436 persoas que pisaron o Obradoiro no Xacobeo 1993, o primeiro que foi promocionado como un evento cultural e que, promovido pola Administración Fraga co entón conselleiro lucense Víctor Manuel Vázquez Portomeñe á cabeza, puxo o Camiño sobre o mapa mundial de peregrinacións e erixiuno como plan vacacional máis aló das motivacións relixiosas.

O Xacobeo 93, con 100.000 peregrinos, marcou un antes e un despois nunha ruta
entón esquecida sen a que hoxe non se concibe Galicia

Un cuarto de século despois, constátase o rotundo éxito de dar impulso a unha ruta que se converteu nun dos motores económicos da comunidade e que, a través dos seus diferentes itinerarios —Camiño Francés, Portugués, Inglés, Primitivo, Marítimo, da Costa e Vía da Prata—, serviu para osixenar municipios rurais das catro provincias que, doutro modo, parecían abocados ao despoboamento e o abandono.

MARCA ÁS PORTAS. Co fito do peregrino número 300.000, todo indica que esta mesma semana se pulverizará o rexistro dos 301.036 peregrinos alcanzado o ano pasado, o que batería a marca total de camiñantes nun exercicio.

As cifras, sen contar Ano Santo —cando se dispara a afluencia no Camiño—, levan in crescendo desde 1990, pero o ascenso nunca fora tan pronunciado como no último lustro: en 2013 un total de 215.880 romeiros recolleron a compostela —a acreditación que se consegue tras percorrer, polo menos, os últimos 100 quilómetros da ruta a pé ou 200 en bicicleta—, o que supón que este 2018 concluirá cuns cen mil peregrinos máis que cinco anos antes, unha progresión inédita ata a data.

Así, a piques de engadir unha nova marca ao seu palmarés, o Camiño corrobora que a masificación non xoga na súa contra, como temían algúns, e que xa é ao turismo o que o pantalón vaqueiro ao téxtil: universal e nunca pasa de moda.

Comentarios