Cambados brinda un emotivo adeus aos falecidos do Sin Querer Dos

O funeral dos tres mariñeiros foi oficiado polo arcebispo de Santiago

Funeral de los marineros del Sin Querer Dos fallecidos. JAVIER CERVERA
photo_camera Multitude de persoas asistiron ao funeral. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O pavillón do Pombal en Cambados acolleu este venres o funeral polos tres mariñeiros falecidos tras o naufraxio do Sin Querer Dos, que estivo presidido polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio. 

Nunha cerimonia multitudinaria —na que estiveron presentes, entre outras autoridades, a conselleira do Mar, Rosa Quintana; a corporación municipal de Cambados, encabezada pola alcaldesa, Fátima Abal; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o portavoz de En Marea, Luís Villares; ou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba— o arcebispo tivo palabras de consolo para as familias dos mariñeiros falecidos, e tamén para a do tripulante que aínda permanece desaparecido. 

Na súa homilía, Julián Barrio proclamou que, ante esta "traxedia", "Cambados chora" e "Galicia estremeceuse". "Queridas xentes do mar, admiro o voso traballo e valoro a súa dignidade. Son consciente de que o voso coñecemento do mar non vos dá a garantía dunha seguridade, sempre exposta ao inexperado", trasladou o arcebispo de Santiago, quen tamén expresou o seu agarimo e solidariedade á familia do patrón do buque que naufragou na dársena de Malpica. 

Ao finalizar a cerimonia, a saída dos coches fúnebres cos corpos dos falecidos estivo acompañada por música de gaitas e polos aplausos de centos de persoas. 

Funeral dos falecidos do Sen Querer Dous. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O funeral celebrouse no pavillón do Pombal, no mesmo lugar no que estivo instalada a capela ardente dos tres falecidos desde primeira hora da tarde deste xoves. Por esa capela ardente han desfilado centos de veciños, así como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e outros membros do goberno galego; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, entre outros. 

O Sin Querer Dos naufragou o pasado mércores a 4,5 millas ao sur de Fisterra. Dos seus dez tripulantes, seis foron rescatados con vida (e todos foron dados de alta nos centros hospitalarios onde foron atendidos), mentres que outros tres faleceron (Manuel Serén, Teófilo Rodríguez e Bernardino Padín) e un máis, Guillermo Casais, permanece desaparecido. 

Horas logo deste afundimento, o pequeno pesqueiro Silvosa afundiuse no porto de Malpica, e perdeu a vida o seu patrón, José Ángel Sanjurjo.