Descenden as denuncias por violencia machista pero aumentan as axudas

Nos primeiros seis meses do ano en curso os xulgados galegos recibiron un total do 1.254 ►Ademais, un total de 539 mulleres contaron con protección móbil e 32 agresores tiveron un sistema telemático para cumprir a orde de afastamento

Susana López Abella. EP
photo_camera Susana López Abella. EP

Nos primeiros seis meses do ano en curso os xulgados galegos recibiron un total do 1.254 denuncias, mentres que no mesmo período do ano pasado, o número foi de 1.574, aínda que nesta ocasión as subvencións outorgadas desde a Xunta para axudas ás vítimas aumentou.

É o que detallou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, que fixo un balance de violencia de xénero no primeiro semestre do ano, no que desvelou que por mor das citadas denuncias, na primeira metade do ano os xulgados comunicaron un total de 762 medidas de protección. O que se traduce nun total de 539 mulleres contaron con protección móbil e 32 agresores tiveron un sistema telemático para cumprir a orde de afastamento.

En canto ás axudas, servizos e recursos que o Goberno galego ofrece, a responsable de Igualdade destacou que a Xunta concedeu axudas económicas a 293 mulleres vítimas de violencia de xénero, que supoñen 58 máis que no primeiro semestre de 2017. Estas axudas repartíronse a través das distintas liñas que ten habilitadas como son as axudas anuais con pagos mensuais, as axudas anuais de pago único e os expedientes de concesión de indemnizacións.

Neste sentido, subliñou López Abella que, esta mesma semana, a Xunta incrementou a liña de axudas destinada aos pagos mensuais en case 960.000 euros. A este fío, a secretaria xeral de Igualdade fixo fincapé na loita da Xunta contra esta situación posto que Galicia foi a primeira comunidade do Estado en dispoñer dunha axuda deste tipo e a única que a ten operativa "de xeito ininterrompido ao longo de todo o ano" .

Durante a primeira metade do ano prestouse atención psicolóxica a 516 persoas por parte do programa dirixido a vítimas

Ademais das axudas económicas, a titular de Igualdade remarcou que a Xunta tamén pon a disposición das vítimas outros recursos, como o programa de atención psicolóxica que desenvolve en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e que está dirixido a mulleres vítimas da violencia machista, pero tamén aos menores ou persoas dependentes ao seu cargo. Así, durante o primeiro semestre deste ano prestouse atención a 516 persoas

Galicia conta tamén cunha Rede de acollemento composta por 5 centros de acollida e que, durante estes seis meses, acolleu temporalmente a 164 persoas —90 mulleres e 74 menores—. Na mesma liña, o Centro de Recuperación Integral de Santiago de Compostela atendeu a 11 persoas na primeira metade do ano.

Noutra orde de cousas, López Abella referiuse a un recurso de atención orientado a homes con problemas de control de violencia no ámbito da parella e da familia e no que participaron un total de 62 homes durante estes seis primeiros meses.

Comentarios