Cae unha banda que roubou 40 coches en Brión e Bertamiráns

Axentes da Área da Garda Civil de Milladoiro (Ames) detiveron cinco persoas e imputaron outras dúas pola suposta autoría de polo menos corenta delictos de roubo cometidos no interior de vehículos aparcados na vía pública ou en garaxes de Bertamiráns, na maioría dos casos, e de Brión.

A Garda Civil informou de que a investigación se iniciou hai varias semanas, cando axentes de Milladoiro tiveron coñecemento da comisión de numerosos roubos no interior de vehículos.

O pasado mércores foi detido un home, en cuxo poder recuperouse un teléfono móbil que fora subtraído o día 31 de maio do interior dun coche estacionado en Bertamiráns. Ao día seguinte, a Garda Civil detivo outras tres persoas implicadas no mesmo feito, unha muller e dous homes.

Ademais, onte os axentes concluían a operación cunha nova detención e coa imputación de dúas persoas, unha delas menor de idade.

Na mesma xornada do sábado, a Garda Civil rexistrou unha vivenda de Bertamiráns, na que os axentes acharon varios obxectos roubados cuxa lexítima propiedade xa foi comprobada, como lentes de sol, unha consola de videoxogos, un reprodutor de DVD portátil ou dous tacos de billar, cuxo propietario valorou en máis de 2.000 euros, entre outros efectos.

A Garda Civil continúa as xestións para pescudar a propiedade da totalidade dos efectos que se recuperaron, que foron trasladados ata as dependencias do Corpo no Milladoiro.

Todos os detidos e imputados por estes feitos, aínda que con diferentes medidas xudiciais, atópanse en situación de liberdade con cargos.

Comentarios