Cae unha rede internacional de branqueo de capitais nunha operación iniciada en Lalín

 A operación sáldase con 21 detidos en nove rexistros policiais 
 

Unha operación conxunta da Garda Civil e a Policía Nacional, iniciada en Lalín e Xaén, permitiu desarticular unha organización criminal internacional dedicada a cometer estafas mediante a modalidade do phishing, deter a 21 persoas e esclarecer o branqueo de capitais de cinco millóns de euros. 

Ademais de en España, a organización levaba a cabo a súa actividade en Holanda, Chipre, Curaçao, Ucraína, México, Suíza, Alemaña, Dinamarca, Singapura, Reino Unido e Estados, segundo a Dirección Xeral da Garda Civil.

Na operación, bautizada como Ciao-Estribo, foron detidas 21 persoas pertencente a este grupo criminal, que gañaba a confianza de empresas legais mediante acordos comerciais apoderándose dos seus datos empresariais, contrasinais bancarios e correos electrónicos.

A operación iniciouse en Lalín e en Xaén tras as denuncias empresariais interpostas por unha estafa por valor de 132.000 euros na localidade galega e dúas de 23.645 euros e de 3.479 euros na cidade andaluza. En ambos os casos, os empresarios foran estafados a través internet mediante a usurpación das súas contas de correo electrónico por unha organización criminal despregada internacionalmente.

Unha vez realizado o reconto das cantidades obtidas de xeito ilícito esclareceuse un branqueo de 5 millóns de euros

A organización desviaba o diñeiro subtraído ás vítimas a numerosas contas correntes abertas mediante documentación falsa que tiñan como destino final empresas de cerámica situadas en Castelló.  Deste xeito, explicou a Garda Civil, blanqueaba o diñeiro recibido ilicitamente con exportacións de material que enviaba ata Nixeria.

Na operación foron embargadas 78 contas bancarias, rexistrados dous domicilios e tres empresas de cerámica de Castelló, onde foron detidas 15 persoas. Ademais, foi incautada documentación, tarxetas bancarias, 16.350 euros en metálico e un vehículo de alta gama valorado en 150.000 euros.

Tamén se realizou rexistros en catro domicilios en Málaga, onde foron detidas seis persoas e intervida multitude de documentación, aparellos informáticos, 2.955 euros en metálico e xoias valoradas en máis de 4.000 euros.

Unha vez realizado o reconto das cantidades supostamente obtidas de xeito ilícito por parte da organización criminal, esclareceuse un branqueo de 5 millóns de euros.

A operación foi desenvolvida polo equipo de Policía Xudicial de Lalín, Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra e axentes da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Comisaría de Xaén. 

Comentarios