O Marisquiño pide "garantía de continuidade" e fin de "polémicas políticas"

Abel Caballero informa dun acordo cos organizadores
Un dos participantes no festival de cultura urbana O Marisquiño. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Unha edición anterior do festival de cultura urbana O Marisquiño. SALVADOR SAS (EFE)

Os organizadores do festival de cultura urbana O Marisquiño confirmaron este luns a celebración do certame en Vigo o próximo mes de agosto grazas aos "acordos verbais" alcanzados coa Autoridade Portuaria, a Xunta e o Concello, institucións ás que pediu "garantía de continuidade" e o fin das "polémicas políticas", mentres os gobernos local e autonómico encerellábanse nun novo cruzamento de declaracións.

"O Marisquiño consolidou unha traxectoria que o levou a ser un dos principais eventos de deporte e cultura urbana de Europa e cremos que se merece unha garantía de continuidade", dixo nun comunicado a empresa organizadora do evento, Factor Ulises, que remarca que tanto Concello, como Xunta e Autoridade Portuaria comprometéronse a chegar a acordos a longo prazo para permitir que o evento poida seguir celebrándose na cidade en próximas edicións.

Con todo, puntualiza que "non é xusto que haxa que estar a negociar ano a ano cales van ser os apoios institucionais cos que pode contar o festival, cando o retorno económico e de imaxe que achega a Vigo e Galicia están máis que demostrados". A organización, que o pasado 22 de febreiro anunciou a súa marcha de Vigo por falta de apoio institucional, asegura que "non foi fácil" tomar aquela decisión, como non o é agora "anunciar que se vai a celebrar", pero sinala que esta é froito das reunións que mantivo nos últimos días coas institucións patrocinadoras, nas que se resolveron os problemas de financiamento e técnicos que farán posible que O Marisquiño se leve a cabo.

"A gran reacción positiva dos seguidores do festival, do público en xeral, do mundo da cultura e o deporte, así como de diversos axentes económicos da cidade, foi un factor fundamental para decidir a continuidade do festival", engaden. Ademais, O Marisquiño quere deixar de ser obxecto de discordia e pide "publicamente a todas as institucións que apoian o festival que deixen de lado definitivamente as polémicas políticas que acompañaron ao evento nos últimos anos", e puntualiza que "ningunha institución salvou ao Marisquiño".

Namentres, Xunta e Concello volveron a protagonizar un cruzamento de declaracións. Ao anuncio da continuidade do evento realizado polo alcalde, Abel Caballero, respondeu a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, celebrando "que o Concello rectifique" tal e como lle reclamou nas últimas semanas. Segundo Fernández-Tapias, que a semana pasado anunciou un incremento da axuda da Xunta ao Marisquiño para chegar aos 200.000 euros, "o alcalde sumouse a esta aposta da Xunta", polo que celebrou que "abra os ollos" ante a importancia do evento para a cidade, aínda que pediu a Caballero que concrete a contía da axuda que prestará ao evento.

A iso, o Concello respondeu asegurando que na Xunta "o que teñen que facer é falar menos e pór máis recursos", tanto como "o medio millón de euros" que, aseguran, dedican Concello e Deputación; ao que Fernández-Tapias respondeu que a Xunta negocia o seu apoio económico co festival e non co alcalde de Vigo "ao que non ten que dar explicacións", mentres recorda a Caballero que "isto non vai de protagonismos políticos". Tamén reaccionou ao anuncio do Marisquiño o BNG, que expresa a súa satisfacción pola decisión de permanecer en Vigo ante a importancia que ten para a cidade, pero que insiste en demandar "expresamente que ningún goberno, local ou galego, xogue a patrimonializar O Marsiquiño e a deixar fóra a disputa partidista permanente entre as dúas administracións ao festival".

Por outra banda, O Marisquiño avanzou que as negociacións coas distintas federacións internacionais de deportes presentes no festival seguen abertas e que nestes momentos xa contan coas disciplinas de Skate, BMX, Basket 3x3 e Break Dance. Tamén aclara que, dada a evolución impredicible da pandemia, elaborou diversos escenarios para celebrar o evento, cumprindo sempre todas as normas técnicas, sanitarias e de seguridade.

O Marisquiño, que se celebra en Vigo desde 2001, converteuse nunha referencia internacional da cultura urbana e na súa última edición atraeu a 160.000 persoas á cidade, as cales xeraron un retorno económico duns 20 millóns de euros, segundo os organizadores.

Comentarios