Caballero asegura que en 2022 haberá en Vigo O Marisquiño... ou unha secuela

Afirma que a cidade terá "o maior certame de deporte urbano de Europa" para 2022
Abel Caballero.CHEMA MOYA (Efe)
photo_camera Abel Caballero.CHEMA MOYA (Efe)

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes "o maior certame de deporte urbano de Europa" para agosto de 2022 e, aínda que expresou o seu desexo de que sexa da man da organización da O Marisquiño (que anunciou a súa marcha a cidade), garantiu que se celebrará o evento. Así o trasladou nunha rolda de prensa, horas despois de que a organización do Marisquiño confirmase que suspende a edición de 2021 e que deixa Vigo ante a falta de apoio institucional (que concretou na redución dun 70 por cento nas achegas de Concello e Deputación). 

O rexedor olívico afirmou este martes que, no segundo fin de semana de agosto de 2022, a cidade acollerá "un grandísimo certame de deporte urbano, o máis grande de Europa e o máis importante que se fixo nunca na historia da cidade". 

A preguntas dos medios sobre como se chamará o festival ou como se organizará, Caballero eludiu dar detalles, aínda que recoñeceu que lle gustaría que fose unha nova edición do Marisquiño, con cuxa organización, asegurou, o goberno local mantén unha relación "fluída". 

Máis de 2.000 firmas pola permanencia do Marisquiño na cidade
Unha campaña en favor da permanencia do festival O Marisquiño en Vigo no portal Change.org solicitou en apenas 24 horas máis de 2.000 firmas. A iniciativa, impulsada por Starterpack Vigocity, marcouse como obxectivo recompilar 2.500 adhesións.

A petición está dirixida ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, ao que lle solicitan "de corazón" que "non deixe" que O Marisquiño acabe deixando Vigo e Galicia, como anunciaron este luns os seus organizadores, que aduciron falta de respaldo institucional. "O Marisquiño leva sendo parte de nós desde que temos uso de conciencia; O Marisquiño é unha desas épocas do ano que todos esperamos que chegue e nunca se acabe, por todos os momentos vividos, onde a xente de Vigo sente ese orgullo de vivir nesta cidade. O Marisquiño é Vigo e non queremos perdelo. En representación da mocidade viguesa, pedímosche de corazón: Abel, non deixes que isto ocorra", reza o texto desta campaña.

Comentarios