Buscan a un home de 81 anos desaparecido en San Sadurniño

A desaparición produciuse no lugar da Castiñeira, na parroquia de Igrexafeita

Cartel de búsqueda de Ramiro Vega. TWITTERUn dispositivo integrado por Garda Civil, Protección Civil e medios aéreos iniciou este domingo a procura de Ramiro Vega, un home de 81 anos que permanece desaparecido desde o mediodía deste domingo en San Sadurniño.

A desaparición produciuse no lugar da Castiñeira, na parroquia de Igrexafeita. O Concello de San Sadurniño, unha localidade rural do interior da comarca de Ferrol, recomendou aos veciños que queiran participar nos equipos de rastrexo que estean á primeira hora deste luns no lugar da Casatellada.

Alí realizarase un "briefing de planificación" dos labores programados, engadiron fontes municipais, que tamén reclamaron que "os voluntarios se organicen en grupos nun mesmo vehículo para non encher de coches a pista de acceso" á zona.

O operativo alcanzou nas súas primeiras horas de actividade o medio centenar de integrantes entre Protección Civil, Garda Civil, persoal municipal e veciñanza "da parroquia coñecedora" da contorna, emprazado entre os lugares da Castiñeira e A Casatellada.

A Alcaldía indicou que o "equipo humano dispoñible é suficiente para cubrir a área de procura". Ademais, solicitaron ao 112 Galicia "un equipo canino para que se incorpore ao rastrexo". Ramiro Vega, de 81 anos, vestía pantalón de cor gris cando foi visto por última ocasión e segundo fontes policiais, tamén levaba posta unha camisa de cadros e podería lucir gorra ou chapeu.

Tras recibir un aviso da súa familia, a Garda Civil activou un despregamento ao que se sumaron nun primeiro momento agrupacións de Protección Civil de municipios da comarca, achegados e veciños, ademais da asociación galega de cans de salvamento Casaga.

Comentarios