O gromo da residencia de Silleda afecta a 33 usuarios e un traballador

O Concello informou de que son asintomáticos e pediu ao comité clínico que non teña en conta estes casos á hora de establecer restricións
Residencia de Silleda. DP
photo_camera Residencia de Silleda. DP

O gromo na residencia de maiores de Silleda afecta a un total de 33 usuarios e un traballador, segundo informa este sábado o Sergas. 

Na súa actualización diaria de casos, apúntase que hai 32 casos novos contaxios de usuarios nesta residencia Coviastec, xa que había un activo, ademais do positivo agora rexistrado nun empregado. 

O Concello de Silleda xa apuntou o venres que esta trintena de persoas están asintomáticas, mentres que se espera que a vacinación dos usuarios "resulte efectiva á hora de superar a enfermidade". Ademais, a Alcaldía solicita ao comité clínico da Consellería de Sanidade que non se teñan en conta estes casos á hora de establecer restricións. 

Este brote provoca que os positivos en residencias en Galicia aumenten a un total de 49, segundo os datos deste sábado.  Xa que logo, a residencia Santa Mariña de Xinzo de Limia mantense cun gromo con 10 casos entre os usuarios; Mi Casa Ferrol conta con tres; a DomusVi Laraxe de Cabanas, dúas; mentres que o Fogar Residencial Xardín Castro Lareira de Salceda de Caselas segue con un. 

En canto aos traballadores con covid-19 destes centros de maiores na comunidade galega, hai un caso na Residencia de Maiores de Caranza, ademais do citado en Silleda. 

Pola súa banda, os centros de atención a persoas con discapacidade (CAPD) de Galicia xa non rexistran contaxios deste coronavirus nin en usuarios nin traballadores tras saír este xoves da lista por negativizar o último que quedaba. 

Comentarios