O BNG pide á CRTVG un debate electoral "plural" e de "dobre volta" en horario de máxima audiencia

Xavier Campos confía en que "Feijóo non se acovarde" ante un cara a cara con Ana Pontón
A portavoz do BNG, Ana Pontón. AGN
photo_camera A portavoz do BNG, Ana Pontón. AGN

O BNG solicitará á dirección da CRTVG que organice un debate "plural" e "de dobre volta" entra as forzas políticas máis representativas de Galicia, en horario "de máxima audiencia", con motivo das eleccións autonómicas que se celebrarán o próximo 5 de abril. Os nacionalistas explicaron, nun comunicado de prensa, a súa postura acerca de que se celebren uns debates que sempre dependeron da vontade política das formacións que acudiron ás eleccións. 

O Bloque sostén que "non son unha prerrogativa dos partidos, senón un dereito da cidadanía que deben respectar as forzas que concorren ás urnas, facilitando ao electorado o contraste de propostas, ideas e valoracións nos medios de comunicación, moi especialmente nos medios públicos".  A formación que lidera Ana Pontón solicitará que se faga un debate a dobre volta entre as forzas máis representativas no ámbito de Galicia, nun horario de máxima audiencia, "para permitir que os galegos teñan a oportunidade de presenciar en directo as diferentes alternativas que se presentan ás eleccións do 5 de abril".

"QUE NON SE ACOVARDE". "Esperamos que Feijóo non se acovarde ante un debate co BNG e coa candidata Ana Pontón, que non teña medo a contrastar proposta, modelos de país e iniciativas de futuro ante os galegos", manifestou o secretario de Comunicación da Executiva Nacional, Xavier Campos. 

Confían en que "estea disposto a saír da súa zona de 'confort' do telexornal a maior gloria da súa figura, que estea disposto a saírse do marco de publicidade e da propaganda para participar nun debate plural no que haxa un contraste real de alternativas". 

O Bloque subliña, así mesmo, o "interese que levanta este tipo de debates entre a cidadanía", o cal vén demostrado polas "audiencias elevadísimas" que se dan, comparables ás que suscitan os grandes eventos informativos. En 2016, a CRTVG acolleu un debate cos candidatos do PPdeG, PSdeG, BNG, En Marea e Ciudadanos. 

Comentarios