O BNG mostra na Diada o seu "apoio ao dereito de autodeterminación" dos cataláns

Integrantes da formación manteñen un encontro con Junqueras e asisten á manifestación da Assemblea Nacional Catalana 
Bieito Lobeira, Ana Miranda e Rubén Cela xunto a Oriol Junqueras. EP
photo_camera Bieito Lobeira, Ana Miranda e Rubén Cela xunto a Oriol Junqueras. EP

Unha delegación do BNG participou este 11 de setembro nos actos conmemorativos da Diada Nacional de Catalunya co obxectivo de "apoiar o dereito de autodeterminación" dos cataláns e "reforzar lazos de unión" co soberanismo catalán –con Esquerra Republicana de Catalunya e a CUP, respectivamente–. 

A delegación da formación nacionalista está integrada polo secretario de Organización, Bieito Lobeira; a coordinadora de Relacións Internacionais e portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda; e o responsable de Relacións co Estado e director da Fundación 'Galiza Sempre', Rubén Cela, quen mantiveron un encontro co presidente de ERC, Oriol Junqueras. 

Os tres nacionalistas comezaron a xornada coa participación nunha ofrenda floral diante do monumento a Rafael Casanova e interviñeron no encontro co resto de delegacións internacionais convidadas por Esquerra. 

Ademais, participaron na manifestación convocada pola Assemblea Nacional Catalá (ANC) e nos eventos organizados pola CUP, así como nun acto no Parlamento de Cataluña. 

Así mesmo, o Bloque mantivo un encontro con membros da agrupación local do BNG en Cataluña e constatou que "seguen participando" na "loita activa" do pobo catalán como "exemplo" do "apoio" ao seu "dereito a decidir". 

Comentarios