O BNG propón destinar mil millóns de fondos europeos a rexenerar as rías

A proposta presentada por Ana Pontón contempla a eliminación das Zonas C nas rías de Foz, Viveiro, Ferrol e a de Ares e Betanzos e Vigo, entre outras intervencións.
Ana Pontón. EFE
photo_camera Ana Pontón. EFE

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou un proxecto integral de rexeneración ambiental e produtiva das rías galegas por 1.096 millóns de euros, para financiar cos fondos de recuperación europeos Next Generation, que permita "maximizar a produtividade" marisqueira e "crear riqueza e emprego". Así o expuxo este mércores pola mañá Pontón na aula Náutica da Universidade da Coruña durante unha rolda de prensa na que estiveron o deputado no Congreso, Néstor Rego; a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda; a deputada no Parlamento galego Rosana Pérez e o edil Francisco Jorquera.

Na súa intervención, Pontón formulou esta proposta que se divide en tres grandes áreas: a rexeneración ambiental; a investigación científica e innovación, e a comercialización, dixitalización e transformación. "Un país que ten unha riqueza tan importante como a das nosas rías non pode mirar para outro lado e desaproveitar a oportunidade para que este sexa un motor de desenvolvemento económico que vai do norte ao sur de Galicia e que ten unha enorme potencialidade", recalcou.

Neste sentido, definiu este proxecto do BNG como "esencial" para Galicia co "fin de contribuír a saír dunha crise sen precedentes", que aposta pola modernización dos sectores produtivos" e que busca que os fondos europeos "cheguen ao tecido empresarial galego".

No apartado de investigación, propón a creación dun consorcio que coordine todos os centros de investigación "para dispor do maior centro europeo de estudo e coñecemento do mar".

En canto á terceira, a líder nacionalista destacou a creación dunha sociedade público-privada que "elabore unha marca que identifique e poña en valor" o produto das rías galegas e que leve a cabo o control de mercado, entre outros labores.

Do total de 1.096 millóns de euros de orzamento, a liña de actuación cunha maior partida orzamentaria, de 500 millóns de euros, é o plan de depuración e saneamento das rías, seguida pola de 200 millóns que expoñen para a recuperación de espazos danados por obras públicas no mar.

 Por outra banda, Francisco Jorquera referiuse ao dragado da ría do Burgo e esixiu á Xunta e ao Goberno central que "deixen de pasarse a pelota" un ao outro, que "asuman as súas responsabilidades" e póñanse de acordo para establecer as compensacións aos mariscadores afectados polo cesamento de actividade.

Comentarios