O BNG celebra os 90 anos da fundación do Partido Galeguista

Pontón apela a "resignificar" esta data fronte ao aniversario da Constitución e defende o proxecto do seu partido "para gañar a Galicia do futuro"
Marta Gómez, Ana Pontón e Miguel Anxo Fernández Lores, este luns no Teatro Principal. GONZALO GARCÍA
photo_camera Marta Gómez, Ana Pontón e Miguel Anxo Fernández Lores, este luns no Teatro Principal. GONZALO GARCÍA
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, proclamou a existencia dun "novo ciclo para o nacionalismo" cuxo "reto fundamental" é dirixirse "ás maiorías" e lograr que este partido sexa a forza determinante de Galicia". Para iso, apelou a "traballar desde xa" con "intelixencia colectiva" de cara a as eleccións municipais de 2023 para obter un resultado que o "catapulte ao gran reto político do nacionalismo" conseguindo "por primeira vez a presidencia da Xunta".

"Haberá quen diga que non é posible, pero imos demostrar que si porque este é un proxecto para gañar a Galicia do futuro", asegurou Ana Pontón en Pontevedra, durante o acto conmemorativo do 90 aniversario de fundación do Partido Galeguista, co lema Galiza, unha nación viva. Así, a dirixente nacionalista referiuse ao BNG como "o Partido Galeguista do século XXI" e asegurou que o nacionalismo é "máis necesario que nunca", con "forzas políticas coas mans libres para defender os intereses dos galegos".

Para Ana Pontón, "o BNG está máis forte que nunca e vai seguir avanzando", polo que instou a "frear" o auxe do centralismo, que considerou "letal para o país", advertindo que é "cada dúa máis castizo e máis madrileño" e comparándoo cunha "mancha de chapapote".

Na celebración dos 90 anos do Partido Galeguista, Pontón reivindicou "a modernidade, a vixencia e o avanzado do programa do nacionalismo", agradecendo o papel dos seus artífices, entre os que citou a Castelao, Bóveda, os irmáns Vilar Ponte, Johan Carballeira, Ánxel Casal, Otero Pedrayo, Víctor Casas ou Suárez Picallo.

No entanto, ao sinalar que "a historia é patriarcal", defendeu a necesidade de "renomear" ás mulleres que contribuíron a esa etapa, como Amparo López, María Miramontes, Elvira Bao, Micaela Chao, Antonia Pardo, Virxinia Pereira, Antonia Pardo, Amalia Álvarez ou Ernestina Otero.

RESIGNIFICAR O 6-D. "Hoxe non celebramos unha Constitución que blinda a impunidade dunha Casa Real corrupta", afirmou Ana Pontón na súa vontade por "resignificar" un 6 de decembro dedicado ao aniversario do Partido Galeguista. Tambien reprochou que a Carta Magna "nega a plurinacionalidade e impón un centralismo letal para Galicia".

Ademais, a portavoz nacional do BNG denunciou a "baixa calidade" da democracia, argumentando que se permiten portas xiratorias que están a intoxicar as decisións económicas, unha corrupción institucionalizada e o control partidista dos órganos xudiciais", poñendo como exemplo a "renovación bochornosa do Tribunal Constitucional coa complicidade do PSOE e Podemos apontoando o peor do réxime do 78".

Ante o "gran reto de que Galicia gañe", Ana Pontón apostou por "reequilibrar a balanza para poñer por diante os intereses dos galegos" fronte aos intereses das multinacionais "que se están forrando a costa" dos recursos que obteñen en territorio galego.

Así, referiuse ao "negocio multimillonario" de Ence, a que Audasa "segue facendo caixa todos os días" tras as "prórrogas ilegais concedidas por gobernos do PSOE e do PP", e ás compañías eléctricas "ás que abraza Núñez Feijóo porque defende os intereses dos consellos de administración".

O acto no que, ante a militancia que enchía o Teatro Principal, Ana Pontón cualificou Galicia como unha "nación viva, un nacionalismo liberador e un galeguismo universal", completouse coas intervencións do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez.

O rexedor da Boa Vila reivindicou que o BNG é "o legado vivo" do Partido galeguista. "Pontevedra é exemplo vivo de que as súas ideas funcionan e de que é posible outro xeito de facer as cousas, de xerar orgullo, cambiar as cidades e as aldeas, e de mudar toda a sociedade", afirmou.

Pola súa banda, Marta Gómez puxo en valor as demandas da mocidade galega, unha xeración "condenada á emigración forzada ou á precariedade absoluta, mentres que en Madrid séguense enchendo os petos coa riqueza que ten o noso país".

Comentarios