Bio Galicia Summit analizará as tendencias en saúde e agroalimentación

O evento terá lugar o próximo 3 de marzo e poderase seguir online de xeito gratuíto 
Un laboratorio de la USC
photo_camera Un laboratorio de la USC

BioIncubatech, a Incubadora de Alta Tecnoloxía da USC, abordará no Bio Galicia Summit, que se celebrará o 3 de marzo, as últimas tendencias en biotecnoloxía e as oportunidades de internacionalización do sector. 

Segundo informan os organizadores e a USC, o cume internacional tamén servirá para coñecer "os medios e ferramentas máis eficaces para a captación de financiamento privado", así como "coñecer en detalle os fondos Next Generation aplicados ao ámbito das ciencias da saúde e a agroalimentación". 

Ademais, o foro pretende "estudar o papel das pemes no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia" impulsado polo Goberno central, para o que se contará coa participación de representantes do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España e da Xunta de Galicia a través do Igape. 

O evento e relatorios centraranse durante o día 3 de marzo en sesións de mañá e tarde e poderase seguir vía online de xeito gratuíto.

ATOPO PARA INVESTIDORES. Dentro do Bio Galicia Summit, tamén terá lugar o BioInvestorsDay, un punto de encontro privado que servirá para que as empresas biotecnológicas incubadas presenten os seus proxectos a diversos axentes da comunidade investidora con interese en colaborar no desenvolvemento de futuros proxectos empresariais. 

Entre outras, no encontro estarán presentes empresas como Zendal, compañía galega de referencia na biotecnoloxía da saúde, e Estrella Galicia, empresa innovadora en biotecnoloxía aplicada á agroalimentación. 

Comentarios