Os veciños de Betanzos continuarán polo menos outra semana sen consumir auga da traída á espera de confirmar se esta supera todos os controis, tras un gromo de gastroenterite que afectou a preto de 500 persoas.
Os casos empezaron hai dúas fins de semana, aínda que inicialmente buscaron unha bacteria que non apareceu e non se detectou o virus causante da enfermidade na auga ata o pasado venres, o que levou o Concello a restrinxir a inxesta da mesma.
Representantes do Concello e da Consellería de Sanidade mantiveron unha reunión este mércores para avaliar os traballos desenvolvidos ata agora. A conclusión de ambos os organismos é que Betanzos seguirá durante polo menos unha semana máis sen auga para consumo humano. Segundo explican, este xoves os técnicos da Consellería de Sanidade acudirán á localidade a recoller mostras e constatar se o virus desapareceu da rede.
O Concello afirma que o plan de desinfección "está finalizado" e di que "se espera que o día 15 e non antes desa data sexa cando se determine se a auga está apta ou non para o consumo". De momento, a administración local reparte auga embotellada entre os veciños e mobiliza camións cisterna con auga potable.
A consellería, pola súa banda, explica que as tarefas de potabilización non están concluídas, pois relata que se terminou unha primeira parte de hipercloración "das augas, que tiña como obxectivo eliminar o virus causante do gromo". "Agora, o Concello deberá concluír coa segunda fase do proceso. Isto é, reducir os niveis de cloro durante os próximos días, realizar unha nova analítica e comprobar que a auga é apta para o consumo humano", detalla.
A partir de aí, Sanidade tomará novas mostras e emitirá un informe de idoneidade para o Concello, que "é o organismo que ten competencias" en canto ao consumo de auga.
A alcaldesa, María Barral, sinalou este martes que o virus non só está na subministración a través da rede, pois tamén se detectou nunha "fonte natural que non está conectada á rede e que se nutre dun manancial".