Besteiro sinala enquisas que sitúan o PSOE como ''alternativa de Goberno''

O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou que "respecta todas as enquisas" ao ser preguntado polas sondaxes que sitúan a Podemos como segunda forza política en intención de voto, pero recordou que tamén hai outras enquisas que sitúan ao PSOE como "posible alternativa de goberno".

Gómez Besteiro fixo estas declaracións aos medios de comunicación logo de participar nun acto institucional como presidente da Deputación de Lugo.

"Respecto todas as enquisas e todas as sondaxes", dixo Besteiro, pero recordou que tamén hai outras previsións que "din que o Partido Socialista está claramente situado" para unha "posible alternancia de goberno", así como sinalou quen hai outras sondaxes de opinión que tamén "din que Pedro Sánchez é o líder político máis valorado".

En todo caso, afirmou que "o que nos ten que centrar hoxe non é a ansiedade política dos resultados electorais", senón "o que nos toca facer neste momento".

Nese sentido, o líder dos socialistas galegos subliñou que aos partidos políticos tócalles "pór as bases dunha nova sociedade, porque é o que o cidadán quere", e "non ter medo aos resultados electorais".

Trátase, dixo, de que os políticos non se movan "pola ansiedade" do que pode suceder se fan unha declaración" ou "outra".

Ao seu xuízo, hai que pensar que "estamos nun momento crítico para a democracia" e o que ten que "desaparecer é a ansiedade" de cada un dos partidos.

"Temos que traballar pola recuperación económica, para que os cidadáns perciban que hai un futuro e que está ao alcance das mans", dixo Besteiro. 

Comentarios