Besteiro quere exportar a súa proposta de impor cláusulas sociais nos contratos de servizos

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe no pleno provincial a súa intención de achegar ao Parlamento de Galicia as chamadas "cláusulas sociais" que xa introduciu o goberno bipartito nos contratos asinados pola institución con empresas privadas, co obxectivo de "blindar" as condicións de traballo dos seus empregados.

Durante a súa intervención no pleno, Gómez Besteiro dixo que a Deputación de Lugo é a "primeira institución de Galicia" e o primeiro organismo provincial de España que incorporou "cláusulas sociais en todos os contratos de servizos" con empresas privadas.

"Non nos conformamos con ser pioneiros na defensa dos dereitos laborais. Pediremos ao presidente da Xunta de Galicia no Parlamento que siga o camiño que abriu a Deputación e impoña obrigacións sociais nos contratos que blinden os dereitos dos traballadores", engadiu.

Na mesma liña, Gómez Besteiro ofreceu a "experiencia" da Deputación de Lugo a todos aqueles municipios de Galicia que estean interesados en introducir esas cláusulas sociais nos seus contratos de servizos.

Ademais, anunciou que os cinco primeiros contratos da Deputación de Lugo que contemplan esas cláusulas sociais serán adxudicados no mes de maio.

Comentarios