Besteiro esixe a Feijóo que acabe co ''desgoberno de Santiago''

O secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe o proxecto do seu partido para derrotar á dereita, "unha coalición cos cidadáns" e non con outros partidos, nun proxecto "alternativo de esquerdas e maioritario".

Nunha entrevista na Radio Galega, Gómez Besteiro explicou que tras as eleccións europeas viuse "un esborralle claro da dereita (PP)" e que "a maioría dos galegos reivindicaron unha política distinta e posible".

Na súa opinión, a pesar de que a suma doutras forzas de esquerda, como AGE e Podemos, supera súa nas cidades, o PSdeG "toma nota" de que os galegos non queren "as políticas de austeridade" da dereita e, xa que logo, entende que se lle pode gañar a través dunha coalición cos cidadáns.

A relación do PSdeG é "directamente cos cidadáns, non con outros partidos", insistiu Gómez Besteiro.

O líder dos socialistas galegos sinalou tamén que a abdicación do rei abriu un "cambio de ciclo" e dixo que aínda que haxa a quen non lle guste España está nun "período constituínte".

Neste ámbito dixo que el reclama un "debate máis amplo" que a forma de organización do Estado, aínda que tamén, e que ten que servir para afrontar os retos das próximas décadas.

En calquera caso, asegurou que el respecta as maiorías e que os deputados galegos no Congreso, que forman parte do grupo socialista, aceptarán tamén o que decida a maioría.

Gómez Besteiro explicou que el é "claramente republicano" e sinalou que o secretario xeral do seu partido, Alfredo Pérez Rubalcaba, non lle chamou para falar sobre o seu posicionamento a favor de abrir un debate.

Respecto á substitución á fronte do PSOE, o líder dos socialistas galegos dixo que non se pronunciou a favor de ningún dos posibles candidatos porque ningún deu o paso oficialmente e porque respecta o proceso de primarias, no que o seu voto valerá "o mesmo que o de calquera militante da agrupación máis pequena de Lugo".

Gómez Besteiro tamén pediu ao presidente da Xunta e líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que "actúe con claridade" en Santiago de Compostela e que "poña" fin á situación de "desgoberno" na capital galega.

Ademais, sinalou que o ocorrido nesta cidade "non é en absoluto comparable" co que sucede en Lugo ou en Ourense, cuxos alcaldes, socialistas, están imputados, e reivindicou que o PSdeG "ten un criterio, que aplica sempre", mentres que no PP "vai en función da conciencia" de Núñez Feijóo, "que pode variar"

Comentarios