Besteiro aproba que os alcaldes ''se revolvan'' contra a subida do canon de Sogama

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avalou que os alcaldes "se revolvan" contra a subida do canon de Sogama e "defendan os dereitos dos seus cidadáns" coa fórmula legal que lles recomenden os seus "asesores xurídicos", porque se trata dunha decisión "inxusta".

Gómez Besteiro fixo estas declaracións aos informadores tras participar nun acto institucional como presidente da Deputación de Lugo e, de feito, anunciou que a institución provincial prestará asesoramento xurídico a todos aqueles concellos que decidan oporse á subida do canon.

"Comparto que un alcalde, ante esa imposición do 34 %, discuta e defendan os dereitos dos seus cidadáns", precisou Gómez Besteiro, para que, "coa base xurídica que estimen conveniente, buscando a fórmula que lle dean os seus asesores xurídicos, se revolvan contra esa decisión profundamente inxusta".

Segundo Gómez Besteiro, "cada vez hai máis xente" que opina que se trata dunha "decisión inxusta", porque "ao final págana sempre os que pagan as decisións do Partido Popular", que son "os máis débiles".

"Non nos chega o diñeiro para manter o sistema, pois trasladamosllo directamente ao cidadán", engadiu o secretario xeral dos socialistas galegos, quen sostén que esa é a "solución máis fácil" e evita "pensar" noutras alternativas.

Ao seu xuízo, "como noutras cuestións, vemos un Partido Popular absolutamente desnortado. Ou non, cun norte claro, que é prexudicar á maioría social dos cidadáns deste país".

Desde o seu punto de vista, a subida do canon de Sogama é "unha decisión política, sen precedentes", é "unha subida do 34%" e "todo iso sen saber moi ben" que vai suceder "no futuro", porque o modelo de Sogama é "un sistema que incumpre" dunha "forma clara a lexislación europea".

Gómez Besteiro recordou que é "un sistema que o paga directamente o cidadán" e cuxa subida se produce dunha "forma absolutamente alegre", sen buscar "unha mellor xestión económica" ou unha "mellor xestión ambiental".

"Non é un sistema de futuro. Para evitar a quebra que ía producirse, optan pola solución máis fácil, que é subirlle o recibo aos cidadáns un 34% máis, dun día para outro", insistiu.

"Ésa é a solución que expón a Xunta de Galicia, que non hai solución. Neste, como noutros temas, vemos á Xunta ausente na defensa dos intereses dos cidadáns galegos", engadiu, "cunha capacidade mínima para influír" en "un Goberno amigo".

Segundo Besteiro, "con amigos como estes, non nos fan falta inimigos".

Comentarios