Bescansa optará á secretaría xeral de Podemos Galicia

A santiaguesa explica que acepta a proposición da dirección galega a pesar das críticas chegadas desde a estatal

Carolina Bescansa confirmou este martes que se presenta ás primarias para liderar Podemos Galicia. Anunciouno nun acto na Nave de Vidán, en Santiago, arroupada por parte da dirección e tras admitir que dá o paso con ilusión e o obxectivo de botar a Alberto Núñez Feijóo.

A compostelá rexeitou confrontacións e rebaixou o ton de tensión con Pablo Iglesias e o sector oficialista. Minutos antes, Natalia Prieto, número 2 do partido en Galicia, asegurou que a proposta para Bescansa estaba sobre a mesa desde 2014 e que é a dirección galega a que a chama e llo propón: non é un paso unilateral de Bescansa.

Tamén se queixou de presións na última semana desde o partido en Madrid, polo que lles pide neutralidade xa que Podemos Galicia non necesita tutelas. Nos últimos días, Pablo Iglesias, sen ir máis lonxe, criticou que Bescansa opte a liderar a formación tras pasar "os últimos 20 anos en Madrid".

En principio, a compostelá competirá con Antón Gómez-Reino, que conta co beneplácito de Iglesias e que busca incorporar á súa lista a sectores errejonistas e anticapitalistas.

Comentarios