Carolina Bescansa medita optar ao liderado de Podemos Galicia

A responsable de organización, Natalia Prieto, definiuna como "a persoa idónea"

Carolina Bescansa. AEP
photo_camera Carolina Bescansa. AEP

A socióloga Carolina Bescansa, unha das fundadoras de Podemos, podería disputar ao portavoz de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, o liderado deste partido en Galicia, presentándose ambos ao proceso de primarias para a elección de secretario xeral.

O nome dela suxeriuno este domingo nunha rolda de prensa celebrada en Santiago a responsable de Organización, Natalia Prieto, e definiuna como "a persoa idónea", e por iso "facemos pública a nosa proposta", sinalou nunha comparecencia ante os medios de comunicación na Nave de Vidán.

A compostelá Carolina Bescansa escribiu na súa conta de Twitter que é "unha honra que as compañeiras de Galicia" queiran que asuma a dirección, e anticipou que falará con todos antes de tomar unha decisión, para concluír cunhas "grazas".

A persoa que actualmente ostenta esta responsabilidade, Carmen Santos, anunciou xa que non concorrerá a este proceso e que se centrará no traballo parlamentario. Tamén dixo que apoiaría "simbólicamente" unha candidatura alternativa a Gómez-Reino.

O deputado coruñés manifestou, á súa vez, que o seu obxectivo é o de construír unha candidatura que aúne todas as sensibilidades da formación.

En declaracións no Congreso, defendeu a necesidade de traballar "pola unidade" en Podemos Galicia para lograr un partido "forte" que siga sendo un dos actores fundamentais da política do cambio na comunidade. 

Comentarios