O Chamaco confesou un crime que some na dor a Becerreá e Pedrafita

Decenas de veciños destas localidades participaron en sendas concentracións tras o crime machista rexistrado este xoves ► A Deputación de Lugo decreta tres días de loito oficial

Máis dun centenar de persoas concentráronse este venres ao mediodía ante o concello de Becerreá para expresar a súa repulsa ao crime machista que acabou coa vida de Ana Gómez Neto, un acto ao que asistiron numerosos veciños da localidade, ademais dun nutrido grupo de representantes políticos, que gardaron cinco minutos de silencio. Tamén en Pedrafita, localidade natal da falecida, celebrouse unha concentración fronte ao consistorio.

O asasino confeso, José Manuel Carballo 'O Chamaco' –díxolle a un amigo: "Acabo de facelo; acabo de rematala"–, pasará previsiblemente este sábado a disposición xudicial en Becerreá, onde este venres asistiron ao acto, entre outras personalidades, o alcalde e o tenente de alcalde da localidade, Manuel Martínez e Claudio López, respectivamente, o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e a secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela.

En declaracións a Efe, o alcalde da localidade recoñeceu que "os veciños" do municipio están "bastante afectados" polo sucedido, dado que, "como pasa cos accidentes de tráfico e outro tipo de desgrazas, sempre pensas que lle ocorre a outras persoas, pero nunca pensas que pode ocorrer no teu concello".

É máis, o rexedor local sostivo que "salvo dificultades económicas que viñan arrastrando, non había indicios que fixesen pensar neste desenlace, nin tampouco episodios de malos tratos. De feito, o presunto agresor era unha persoa querida e apreciada".

"Hai que afrontar a situación, lamentar o ocorrido, darlle o pésame á familia e esperar que isto non volva ocorrer. Que sexa a última vez que se dá un caso deste tipo. Lamentámolo moito", engadiu.

En canto á concentración, afirmou que "son actos que hai que facer, signos que a xente debe recibir, aínda que obviamente os resultados dos mesmos" son "bastante escasos".

Ao seu xuízo, "as medidas terán que ser outras", como "prevención e control", aínda que tamén é consciente de que "é moi difícil" porque as situacións de violencia danse "dentro da propia casa, onde obviamente o dereito á intimidade, ampara, entre comiñas, este tipo de delitos".

Por parte da Deputación Provincial, desprazáronse ata Becerreá para participar na concentración o presidente da institución, Darío Campos; a deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo; e a deputada de Ensino, Educación, Economía do Coñecemento, Igualdade e Mocidade, María Loureiro.

TRES DÍAS DE LOITO. A institución provincial, ademais de decretar tres días de loito oficial e de suspender todos os actos oficiais previstos ata a medianoite do domingo, tamén emitiu unha declaración institucional na que o presidente, en nome de toda a corporación, expresa a súa "máis enérxica repulsa e condena ante o asasinato por violencia de xénero" de Ana Gómez.

"Sen dúbida", engade, "a violencia de xénero constitúe unha grave violación dos dereitos humanos, derivada da desigualdade estrutural entre mulleres e homes sobre a que se asenta a sociedade actual".

Tamén en Lugo capital, representantes do goberno provincial e da propia corporación municipal concentráronse ao mediodía na Praza Maior e gardaron un minuto de silencio en sinal de repulsa contra o crime machista.

A alcaldesa, Lara Méndez, recordou que a violencia machista xa segou no que levamos de ano a vida de nove mulleres, polo que considera que as administracións deberían facer unha reflexión para ver en "que se está fallando". 

Comentarios