Baltar rexeita os "vetos" de Cs e pide que digan se queren pactar co PP ou "cos nacionalistas"

A formación laranxa pediu a Feijóo que aparte ao actual presidente da Deputación se quere conservar o goberno no ente provincial

Manuel Baltar. EP
photo_camera Manuel Baltar. EP

O presidente da Deputación de Ourense en funcións, Manuel Baltar, rexeitou os "vetos" de Ciudadanos partido ao que lle lembra que só obtivo nove concelleiros en toda a provincia, e instoulles a dicir "con absoluta claridade" se prefiren pactar co PP ou "cos nacionalistas".

Baltar respondeu deste xeito á petición lanzada este venres polo secretario de Organización de Ciudadanos Galicia, Laureano Bermejo, quen condicionou o apoio da súa formación aos populares na institución provincial de Ourense á marcha de Manuel Baltar.

Respecto diso, o presidente provincial en funcións subliñou que o do PP é o "grupo maioritario", con 12 deputados –a maioría absoluta está en 13– fronte a Ciudadanos, que só conta cun representante e que "aínda non se sabe quen vai ser".

"Hai un candidato coñecido a presidir a Deputación, que son eu, non sabemos quen son os candidatos das outas organizacións políticas", argumentou Baltar, que pon en valor tamén o programa do PP provincial "con 124 medidas" para os próximos anos free ao resto de formacións que carecen deste. "E esa é a fortaleza do PP de Ourense, a previsibilidade, a planificación e, sen dúbida, a xestión de todo este tempo", apuntou.

"Iso é xestión, é futuro, é programa e iso é o que ten que dilucidar calquera formación que queira gobernar connosco en coalición e darnos a estabilidade que merece un goberno como o noso", sinalou para asegurar que ao seu grupo móveo "o interese xeral da provincia".

Por iso, diferenciou a "política con maiúsculas" do PP de Ourense da de "vetos e imposicións" de Ciudadanos, que considera "política con minúsculas". "Así é imposible construír. Nós seguimos coas nosas propostas, o noso candidato e coa forza de obter unha maioría electoral, o 52% dos edís da provincia, 476 son populares", apuntou nunha intervención na que lembrou que Ciudadanos só conta con nove concelleiros en todo Ourense.

POSTURA DA DIRECCIÓN DO PPdeG

Pola súa banda, fontes da dirección do PPdeG consultadas por Europa Press consideraron que o feito de que Ciudadanos queira apoiar o Partido Socialista na cidade de Ourense e non descarte pactar co BNG na Deputación resulta "moi esclarecedor" sobre a súa posición como partido.

Ademais, estas fontes subliñaron que as negociacións se están levando en Ourense, que é o lugar no que deben realizarse as conversacións para conformar o goberno provincial.

CONDICIÓN DE CIUDADANOS

En concreto, Ciudadanos esixiu a marcha de Manuel Baltar para apoiar ao PP nesta institución, na que os populares quedaron a un representante de lograr a maioría absoluta.

En declaracións a Europa Press, o secretario de Organización de Cs en Galicia, Laureano Bermejo, enmarcou esta postura na "formulación" que Ciudadanos "sempre tivo" e que pasa por "a rexeneración democrática, o cambio e a apertura de xanelas".

"Viñemos a cambiar a política, a activala, a pola en funcionamento non só en Galicia, senón na de Ourense provincia e Ourense cidade", manifestou para subliñar que esa "rexeneración" para por "cambios de figuras chave" que están á fronte de institucións, como o caso de Manuel Baltar.

O tamén encargado de liderar o equipo de negociación de pactos da formación en Galicia detallou que a decisión de pedir a marcha de Baltar ao presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo foi alcanzada por "unanimidade" nunha reunión do comité autonómico de pactos celebrada o xoves e que conta co respaldo da dirección estatal de Ciudadanos.

Comentarios