O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou este luns o decreto de cesamento como vicepresidente segundo do deputado Armando Ojea, o único edil afín ao rexedor da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, e que na crise desatada no grupo de Democracia Ourensá ascendeu a tenente de alcalde.
Baltar, como informa nun comunicado, alegou "falta de confianza" como causa de tal decisión e decidiu que a Ojea substituirao Miguel Caride, que renunciou á asignación económica, á súa vez o principal crítico de Jácome.
Na nota, Baltar subliña que logo das ausencias de Ojea nas últimas xuntas de goberno, e, fundamentalmente, tras o voto en contra dos orzamentos o pasado venres, reuniuse co portavoz do grupo político de Democracia Ourensá na Deputación para facerlle ver que esa perda de confianza levaba consigo o cesamento.
Baltar contou agora a Caride que o pacto de goberno entre PP e DO, a pesar dos problemas no concello, onde os populares deixaron o bipartito, está "absolutamente vixente" na institución provincial.