Baltar afronta este mércores o xuízo por conducir a 215 por hora

O popular chega a un momento clave para o seu futuro político máis debilitado ao non ter atada a Deputación de Ourense. As cúpulas galega e estatal apoiárono en público ata agora, á espera do fallo xudicial, pero hai malestar en Ourense 

Manuel Baltar. BRAIS LORENZO (Efe)
photo_camera Manuel Baltar. BRAIS LORENZO (Efe)

O presidente provincial do PP en Ourense e da Deputación, Manuel Baltar, enfróntase este mércores, salvo adiamento ou sorpresa de última hora, ao xuízo por suposto delito contra a seguridade viaria, tras ser cazado hai pouco máis dun mes ao volante dun coche da institución que dirixe un domingo a 215 quilómetros por hora

Foi interceptado na A-52, ao seu paso polo municipio Asturianos, e o xuízo está fixado para as 10.00 horas no Xulgado do Penal de Zamora. Tras un primeiro adiamento por incomparecencia do seu avogado, houbo unha primeira vista en Puebla de Sanabria, o 11 de maio, pero non houbo sentenza de conformidade ante o rexeitamento de Baltar a asumir a pena que pedía Fiscalía: a retirada do carné durante un ano e unha condena de seis meses de multa a razón de 10 euros diarios (1.800 euros). 

Ademais de evitar a foto no xulgado, xa que entón declarou de forma telemática, Baltar sorteou unha condena e a súa defensa avanzou que contemplaba vías para recorrer e evitar o xuízo. Finalmente, non prosperaron, e o xuízo mantense, aínda que varias vistas previamente fixadas sufriron adiamentos no marco da folga de funcionarios da Administración de Xustiza. 

Así as cousas, aínda que o dirixente ourensán puido evitar unha hipotética condena antes da cita coas urnas do 28 de maio, non logrou o obxectivo político de consolidar a maioría absoluta na Deputación de Ourense, ao quedar a un dos 13 deputados necesarios. 

Aínda que Baltar podería gobernar en minoría, tamén é certo que todos os pactos teñen difícil encaixe. Por exemplo, reeditar a alianza con Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá) daríalle a maioría absoluta, pero en campaña negou que fose recorrer a esta vía.

Máis polémica

Ademais, no que respecta á súa propia situación, durante a campaña electoral fíxose público que o vehículo oficial que conducía cando foi interceptado en Asturianos a 215 km/h fora detectado por outro radar pouco tempo antes ese mesmo día, á altura de Allariz

E outras cuestións recrudeceron a polémica ao redor de Baltar: a Ser difundiu tres novas multas dun vehículo oficial da institución e que a muller e a filla, respectivamente, do ex xefe do parque móbil foran identificadas como as condutoras en dous dos casos. A Deputación saíu ao paso cun comunicado no que trasladaba que o antigo responsable da frota oficial de vehículos, agora xubilado, asumira a súa "mala praxe". 

Ademais, Público revelou uns audios nos que un home, que segundo o diario é o irmán de Baltar, aludiría a supostos pagos de comisións por parte de empresas a cambio da adxudicación de contratos por parte da institución provincial.

Apoio público das cúpulas

A pesar da polémica, tanto a dirección estatal do PP, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, como a autonómica, con Alfonso Rueda á cabeza, mantiveron o seu apoio en público ao dirixente ourensán. Rueda non escatimou a súa presenza na provincia de Ourense durante a campaña e as últimas declaracións dun membro de Xénova chegaron da man do coordinador nacional, Elías Bendodo, quen nunha recente visita a Galicia defendeu que os políticos "son un reflexo da sociedade" e non "doutro planeta". 

A postura oficial limítase a poñer o foco no fallo xudicial. É aí onde Rueda sempre incidiu en que Baltar terá que "asumir as consecuencias", o que reforza a idea de que a resolución do exceso de velocidade será clave tamén para o futuro político do ourensán.

Malestar

Con todo, varias fontes do partido en Ourense consultadas por Europa Press reflectiron o malestar pola situación do seu xefe de filas, que vinculan cuns resultados non tan bos como os esperados, e cren que é o momento de que "se vaia"

Máis aló, dan por feito que a dirección estatal do PP, ás portas das eleccións xerais do 23 de xullo, "non se poderá permitir" soster a Baltar á fronte da Deputación e incluso especulan con que buscar "unha saída negociada" —con ofertas doutros postos, e incluso unha saída a Europa— pode ser unha vía na que xa se estea traballando", a pesar da postura pública da dirección. 

Militantes ourensáns inciden tamén na posibilidade de que PSOE e BNG puidesen acabar accedendo a un pacto que pasase por investir a Manuel Cabezas alcalde, aínda sendo Jácome o máis votado nas municipais, a cambio de que Baltar non fose o candidato popular a ser presidente da Deputación.