O Consello da Xunta aprobou este venres o cesamento dunha ducia de altos cargos que concorrerán nas listas do PPdeG para as eleccións autonómicas do 12 de xullo. A entrada en vigor do cesamento será o vindeiro luns, día en que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG). Entre eles hai dous lucenses: o delegado territorial na provincia, José Manuel Balseiro, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.
Estes altos cargos foron recuperados para a Xunta despois de que xa saísen dos seus postos para pasar a conformar as listas do 5 de abril pero, coa cancelación da cita electoral, o mandatario autonómico decidiu recolocalos nos seus postos.
Tras ratificarse nos nomes en días pasados, este venres, o presidente da Xunta certificou ese cesamento dos doce altos cargos que estarán incluídos nas candidaturas do PPdeG, un trámite necesario posto que non é compatible o posto de designación de confianza co de candidato autonómico.
Na rolda de prensa posterior ao Consello, o mandatario autonómico "agradeceu" a "dispoñibilidade" de todos eles para incorporarse de novo á Administración autonómica tras a suspensión dos comicios do pasado mes de abril.
Concretamente, trátase dos cinco delegados territoriais da Xunta: Corina Porro (Vigo) e Marisol Díaz Mouteira (Ourense) —que xa foran colocadas como número dous e número 1 polas provincias de referencia, respectivamente—; xunto a Ovidio Rodeiro (A Coruña), José Manuel Cores Tourís (Pontevedra) e o lucense José Manuel Balseiro.
Tamén deixan os seus cargos na Xunta Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración; Nava
Finalmente, tamén é cesado para ir nas listas do PPdeG un dos homes de máxima confianza do presidente Feijóo, o coruñés Álvaro Pérez López, secretario xeral de Presidencia e anteriormente máximo responsable do seu gabinete.