A propiedade sobre o Pazo de Meirás, actualmente en mans dos herdeiros de Franco, protagonizou na mañá deste luns o primeiro día do xuízo que determinará a súa lexitimidade coa declaración de varias testemuñas, entre eles Ramón Rodríguez Ares, exalcalde de Sada, localidade onde se sitúa o inmoble, que quixo resolver o debate asegurando que "sempre foi propiedade privada".
Segundo o rexedor entre os anos 1979 ata 2007, dúas administracións, a Deputación e o Concello da Coruña, interesáronse pola compra do pazo nos primeiros anos da década dos 80, polo que é "correcto" que desde as administracións públicas se recoñecese que a propiedade era da familia Franco.
"Unha cousa, para recuperala, ten que ser antes de alguén, iso sempre foi unha propiedade privada", salientou a primeira testemuña en declarar a pedimento dos herdeiros de Franco mentres, ás portas dos xulgados, medio centenar de persoas concentráronse desde primeira hora ao berro de "Fascismo nunca máis!".
O xuízo pola reclamación do Estado da propiedade do Pazo de Meirás, que se celebrará durante toda a semana no Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, conta coa Avogacía do Estado como parte demandante e como intervenientes que tamén solicitan a devolución da propiedade ao patrimonio público están a Xunta, a Deputación da Coruña e os Concellos de Sada e A Coruña.
Como parte demandada acudíronse seis membros da familia Franco e unha sociedade mercantil, cuxa defensa sostén que Franco comprou o inmoble á familia Pardo Bazán.
Nesta primeira xornada compareceron como testemuñas un garda hortelano do pazo ata 1990, dous veciños de Meirás, un funcionario do Concello da Coruña, o alcalde de Sada desde 1979 ata 2007 e un amigo da familia Martínez-Bordiú Franco.
"Á miña avoa expulsárona da súa casa", relatou o veciño de Meirás Juan Pérez Babío, de 70 anos e residente este pobo case toda a súa vida, unha das catro testemuñas deste luns a pedimento da Avogacía do Estado e que denunciou que á súa avoa quitáronlle as súas terras para ampliar a propiedade do pazo.
Sobre os traballadores do pazo a cargo do erario público, indicou que lembra as estancias de Franco no verán, acompañado por persoal de seguridade da Garda Civil e "outra serie de persoal antes da chegada del" que pertencía, reiterou en varias ocasións, á Comandancia de Obras (albaneis, pintores ou electricistas) e xardineiros do Concello da Coruña.
Durante o resto do ano "sempre" había axentes da Garda Civil nun acuartelamento que está a cen metros do peche perimetral do pazo para vixialo, e dentro "adoitaba haber dúas parellas" de axentes que pertencían á Comandancia e residían nunha casa intramuros.
Ademais, había gardas hortelanos que se encargaban de explotación agropecuaria e chamaban a outra "xente de Meirás que ía botar unha man, a maioría eran labradores ou peóns", aos que tamén pagaban "pero teño claro que dos seus petos non".
Tras a morte de Franco había dous axentes de vixilancia todo o ano e a partir do ano 1977 ou 78, dixo, quedou un cabo coa mesma función que antes.
Sobre o incendio no pazo en 1978 detallou que camións de bombeiros e mesmo do Exército acudiron a sufocar as chamas, "non entraron nin un nin dous, máis", e foi a partir dese momento cando deixou de ver á familia no pazo, aínda que asegura que "o seu centro de vacacións" no verán é a Casa Cornide, na Coruña.
A primeira testemuña da xornada foi o garda civil xubilado José Suárez Rozas, de 80 anos, que permaneceu no pazo como vixiante desde 1982 ata 1990 e que alegou que non recibía ningunha cantidade económica da familia Franco polas súas tarefas, que consistían en "vixiar aquilo e cortar silvas polos camiños".
Pola súa banda, un funcionario do Concello da Coruña desde 1988, que estivo destinado no departamento de xestión de chan e patrimonio, Arturo Abad, elaborou un informe sobre as asistencias que o Concello da Coruña realizou nos anos 60 e 70 do servizo de extinción de incendios que transportaba auga a Meirás en xullo e agosto sen percibir un reembolso.
A segunda e última testemuña dos herdeiros esta xornada, tras a renuncia á declaración do secretario particular de Carmen Polo e de Carmen Franco Polo despois do falecemento do ditador, foi un amigo da familia Martínez-Bordiú Franco e sogro dunha das demandadas, Luis Fernando Quiroga Piñeiro, que asumiu labores de xestión durante a rehabilitación do pazo tras o incendio en 1978.
"Carmen tiña medo á obra pero iso nunca o falamos –dixo tras ser preguntado por se tiña dúbidas de se era a propietaria–, nin ela comigo se sincerou en ningún momento sobre ese tema, na época de Carmen Franco nin llo cuestionaba".
O seu relato, do mesmo xeito que a comparecencia anterior, explica que a familia seguiu gozando do inmoble tras a morte do ditador e que, a partir do incendio, visitábano pero aloxábanse na Casa Cornide, na Coruña.
Asegura que continuaban encargándose do mantemento, "os xardíns coidábanse totalmente, moitísimo, e o que estaba pechado era o pazo porque aquilo era un caos, de chorar".
"A rehabilitación do pazo a raíz do incendio ao meu modo de ver pagouna ela ou a familia, fixeron un esforzo entre todos", abundou.
As obras de rehabilitación empezaron no ano 1998 e finalizaron en 2002. "O esforzo económico que fixeron para ir un mes alí!", exclamou a testemuña.
Este martes está prevista a declaración dos coautores do informe sobre actuacións da Comandancia de Fortificacións e Obras da Coruña, dependente do Ministerio do Exército, no Pazo de Meirás, e coautores do libro 'Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio', así como do presidente da Comisión de Expertos da Xunta que realizou, en xuño de 2018, o informe sobre as posibilidades de incorporar ao patrimonio o Pazo de Meirás.