Unha auxiliar de enfermería, primeiro caso de reinfección de covid en Galicia

A muller presentou "síntomas leves" en ambas as ocasións

Hospital Juan Cardona. GSV
photo_camera A auxiliar de enfermería traballa no Hospital Juan Cardona de Ferrol. GSV

Unha auxiliar de enfermería do Hospital Juan Cardona de Ferrol contaxiouse de coronavirus en dúas ocasións nos últimos sete meses, ambos os positivos confirmados por probas PCR, o que a converte no primeiro caso de reinfección detectado en Galicia desde o inicio da pandemia e un dos escasos exemplos dos que se ten constancia en toda España.

Así o trasladou o xerente do hospital ferrolán, Francisco Soriano, en declaracións a Europa Press, que incidiu en que ambas as ocasións presentou "síntomas leves".

"A inmunidade que se presumía que podía ter non se produciu, xa que ou foi unha inmunidade curta ou neste caso non a houbo", explicou.

Por aquel entón, a traballadora superou a enfermidade no seu domicilio, xa que no seu estado non necesitaba de ingreso, e reincorporouse tras pasar catorce días na súa casa e dar negativo na proba PCR.

Esta mesma auxiliar de enfermería volveuse a atopar con molestias leves o pasado sábado, e volveu dar positivo nunha nova proba, o que obrigou a pór en marcha o protocolo de novo.

Actualmente mantense en corentena, "evolucionando ben" e en seguimento domiciliario. Así mesmo, todas as probas practicadas aos traballadores da unidade deron "negativo".

Comentarios