Autorizada a pesca de perca negra, carpa, cangrexo sinal e vermello americano en varios puntos de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente adopta esta medida con vistas ao control e erradicación destas especies exóticas invasoras

Embalse de Belesar a la altura de Portomarín, durante un episodio de sequía. EP
photo_camera A perca negra e a carpa poderán capturarse no encoro de Belesar, entre outras zonas. EP

A Consellería de Medio Ambiente informou de que está permitida a captura de perca negra, carpa, cangrexo sinal e cangrexo vermello americano en certas áreas, como unha medida de control e erradicación destas especies exóticas invasoras. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a orde pola que se modifica a de xaneiro de 2018 na que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da comunidade durante toda a tempada 2018. 

Nun comunicado, a Xunta sinalou que esta autorización é "posible" por un cambio lexislativo a nivel estatal, xa que o 21 de xullo publicábase no Boletín Oficial do Estado a modificación da lei do patrimonio natural e da biodiversidade.  Esta norma establece que ata que se aproben os instrumentos normativos de planificación e xestión e a delimitación cartográfica da área ocupada polas especies catalogadas como exóticas invasoras, as comunidades poderán autorizar a práctica da pesca nas súas distintas modalidades, en zonas delimitadas, daquelas especies que teñan relevancia social e económica, adoptando as debidas medidas para salvagardar o medio natural e o ecosistema en que se desenvolven. 

Os exemplares non poderán ser transportados con vida nin devoltos ao medio natural, debendo ser sacrificados no momento da captura

Así, o Goberno galego explica que, tal e como recolle a orde publicada este xoves, "non se establecen dimensións mínimas nin cotas de captura", e os exemplares destas especies que sexan extraídas da natureza por calquera procedemento "non poderán ser transportados con vida nin devoltos ao medio natural, debendo ser sacrificados no momento da captura".

En concreto, no caso da perca negra e a carpa, estas especies poderán capturarse nos encoros de Zamáns, O Vao, Montefurado, As Portas, As Conchas, Lindoso, Vilasouto, A Hedrada, Cecebre, Belesar, Castrelo de Miño, Frieira, Os Peares, Velle, Pumares, San Martiño, San Pedro, Santiago, Santo Estevo, Sequeiros, Leboreiro e Portodemouros. 

Polo que respecta ao cangrexo vermello americano e ao cangrexo sinal, a captura pode realizarse nos encoros de Sabón, As Forcadas e Cecebre —excepto en tramos vedados—; nos ríos Sil e Bibei, nos ríos Furnia, Hospital e Pego —afluentes do Baixo Miño—; augas baixo a estrada PO-552 (Vigo-Tui). 

Tamén se permite nas canles e charcas da antiga lagoa de Antela, charcas dos Milagres de Maceda, de Rioseco en Paderne de Allariz, de Niñodaguia en Xunqueira de Espadanedo e Oímbra; así como no encoro da Fervenza e tramo do río Xallas de augas baixo a presa de Ventín —ata o 30 de setembro--; e nos encoros de Belesar e Os Peares, nos tramos incluídos no réxime especial de encoros. 

Comentarios