Autismo España afea a Feijóo o uso do termo "autista" de "xeito pexorativo"

Formoso insta ao popular a rectificar as súas declaracións, nas que criticaba a actuación do Goberno ante as protestas dos transportistas e outros sectores

Alberto Núñez Feijóo, en Oviedo. J.L.CEREIJIDO (Efe)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. J.L.CEREIJIDO (Efe)

A confederación Autismo España reprendeu este luns ao presidente da Xunta e candidato a liderar o PP, Alberto Núñez Feijóo, por utilizar a palabra "autista" de xeito "pexorativo". En concreto, o colectivo refírese a unhas declaracións realizadas polo popular unhas horas antes nun acto na Coruña, onde cualificou ao Goberno central de "autista" ante as protestas na rúa de transportistas e outros sectores afectados pola subida dos carburantes. 

"Desafortunadas palabras de Feijóo, utilizando 'autista' de xeito pexorativo. As persoas con autismo loitan cada día polo respecto á súa dignidade como cidadáns de pleno dereito, e os representantes públicos teñen especial responsabilidade no seu tratamento adecuado", subliña a confederación nunha mensaxe nas súas redes sociais, recollida por Europa Press. 

Ademais, Autismo España remítese a un artigo publicado na súa web en maio de 2020 no que explica como usar correctamente o termo autismo. Neste texto sinala que o tratamento inadecuado e pexorativo do autismo pode considerarse "unha ofensa" contra a imaxe social das persoas con trastorno do espectro autista (TEA). 

"Expresións como o 'autismo social' ou o 'autismo político' imprimen unha imaxe negativa de conceptos que nada teñen que ver co trastorno do espectro do autismo e as persoas que o presentan", explica a confederación. Segundo puntualiza, no caso do autismo, non é froito de condutas conscientes ou elixidas, senón que se trata dun "trastorno de orixe neurobiolóxico co que unha persoa nace e que a acompaña ao longo da súa vida". 

Por iso, considera que empregar a palabra "autista" neses contextos convértese nunha "falta de sensibilidade" cara ás máis de 450.000 persoas con TEA que viven en España. 

Tamén se mostrou crítico coas declaracións de Feijóo o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, quen instou ao presidente da Xunta a "rectificar xa" tras usar o termo "autista coma se fose un insulto para arremeter contra o Goberno". 

"É unha falta de respecto ás persoas con trastornos do espectro autista e ás súas familias, indigna dun presidente da Xunta", considera o socialista sobre as declaracións do popular.

Comentarios